Rouban as galiñas da estatua do Mercado
Por Oskar Viéitez
Alguén arrincou na madrugada do domingo dúas galiñas e un galo das que forman a escultura sita na rúa Sierra, diante do Mercado de Abastos de Pontevedra.
Polo momento non están claras as circunstancias que deron lugar á rotura da estatua. Fontes da Policía Local de Pontevedra confirmaron que houbo testemuñas do acontecido, pero non se logrou dar cos autores.
Ao parecer, arredor das 8.20 horas da mañá recibiuse un aviso na centraliña da Policía Local. Un particular alertaba de que se estaba procedendo ao roubo das galiñas.
Unha patrulla desprazouse ata o lugar, pero os autores do acto vandálico non lograron ser localizados e as tres pezas de bronce danadas non foron recuperadas. Segundo fontes policiais, estase tentando localizar aos responsables.
Segunda agresión ao grupo escultórico de Cuqui Piñeiro dende 2009
Esta é a segunda agresión que sofre este grupo escultórico da artista de Goián, Cuqui Piñeiro, desde a súa inauguración en 2009.
Aos seis meses logo da súa instalación, esta escultura, iniciativa da tenente de alcalde, a socialista, Teresa Casal, xa foi obxecto dunha agresión. Naquela ocasión as dúas galiñas apareceron no interior dun contenedor da rúa Sierra.
O portavoz da policía local, Manuel Omil, informou que se iniciou unha investigación para dar coas causas do sucesos e coller os responsables.