Unión política en repulsa polo triplo crime de Valga: "hai que fulminar a violencia machista da sociedade"
Por Natalia Puga
Políticos de PSOE, BNG, PP, Podemos e Cidadáns, representantes da Policía Nacional, a Policía Local e a Garda Civil, persoas chegadas do ámbito social e o asociacionismo e de entidades como Amencer-Aspace e cidadáns a título individual déronse cita ao mediodía deste martes nas escaleiras da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para lanzar unha mensaxe unitaria e unánime contra a violencia de xénero.
O motivo da cita era a repulsa polo triplo crime de María Elena Jamardo e Sandra e Alba Boquete en Valga este luns, pero a convocatoria serviu, en palabras do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para lanzar "unha mensaxe de que hai que fulminar a violencia machista da sociedade".
Tras gardar cinco minutos de silencio, Losada compareceu acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o portavoz do PP local, Rafa Domíguez.
Na concentración non faltaron alcaldes como os de Cuntis, Ponte Caldelas, Vilagarcía de Arousa ou Forcarei, concelleiros de Cidadáns, PP, BNG e PSOE de Pontevedra e o líder galego do PSOE, Gonzalo Caballero. Tampouco faltaron os máximos responsables da Garda Civil e a Policía Nacional na provincia, Simón Venzal e Estíbaliz Palma, respectivamente, e ou a directora da prisión da Lama, Teresa Delgado.
Nunha mensaxe compartida por todos os presentes, resaltou que é necesario "combater todo tipo de negacionismo" e seguir concienciando á sociedade de que, para axudar na loita contra a violencia de xénero, é preciso denunciar. "Hai que poñer en aviso calquera viso de que pode existir un aspecto da violencia de xénero", pediu, nunha mensaxe que, á vez, era un aviso dirixido a veciños como os de Valga que nas últimas horas indicaron nos medios de comunicación que na relación entre o asasino confeso, José Luis Abet Lafuente, e o seu ex parella e vítima, Sandra Boquete, xa se vía vir que pasaría algo malo.
"Os veciños que poidan ver ou pensar que existe nalgún lugar a posibilidade de que poida producirse violencia de xero, anímolles a denuncialo. Porque é a forma de combatelo e previlo", engadiu Losada, que lembrou que as Forzas de Seguridade actúan conforme ao que di un xulgado cando aparece unha denuncia, pero "se non hai datos, é complexo previlo".
A tristeza tras o duro crime deixábase notar este martes entre os participantes nunha das concentracións máis numerosas das lembradas ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, así como tamén nas conversas que se foron escoitando en círculos. Todos estaban conmocionados, como a sociedade no seu conxunto, por este triplo crime que o autor confesou cometeu en presenza dos seus fillos de 4 e 7 anos.
Losada fíxose eco desa tristeza e pediu a unidade de todos para que a sociedade erradique a violencia de xénero. Así, quixo "aproveitar esta momento de dor, de terrible crueldade, para animar á sociedade para combatela", con educación, con información, con políticas de igualdade, pero, sobre todo, cunha loita permanente.
Varios usuarios e responsables de Amencer-Aspace secundaron a concentración de repulsa porque unha das tres vítimas, Alba Boquete Jamardo, era pedagoga na sede desta asociación en Vilagarcía de Arousa.
Relacionadas:
-
Piden prisión permanente revisable para o autor confeso do triplo crime de Valga
Por Redacción |
-
Carmela Silva, firme contra a violencia de xénero: "no mundo hai un holocausto de asasinatos de mulleres"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra súmase á Emerxencia Feminista
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O autor confeso do triplo asasinato de Valga perde a patria potestade dos dous fillos que presenciaron o crime
Por Natalia Puga |
-
Concentración feminista ás oito ante a Audiencia Provincial: "Por Alba, por María Elena e por Sandra"
Por Natalia Puga |
-
Un revólver de calibre 32 novo cuxa orixe está por determinar, eixo da investigación do triplo crime
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
O autor confeso do triplo asasinato de Valga, a prisión
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Conmoción en Valga por un triplo crime machista que tinxe Galicia de loito
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada