Un grupo de pontevedreses entra no Congreso dos Deputados
Por Oskar Viéitez
Un grupo de pontevedreses entrou este martes no Congreso dos Deputados cando restan seis días para evitar que se disolvan as Cortes e que os españois teñan que volver ás urnas para votar nas cuartas eleccións xerais en catro anos.
Nun momento tan intenso na vida política española a asociación de veciños San Roque visitou a Cámara Baixa no marco dunha excursión cultural que organizaron a Madrid.
A súa anfitrioa foi a vicepresidenta terceira do Congreso, a pontevedresa Ana Pastor.
A deputada do Partido Popular atendeu a todas as súas preguntas con paciencia, un xesto que agradeceron todos os membros da Asociación de San Roque.
Na conversación que mantiveron tamén xurdiu a noticia do triplo crime machista que se produciu este luns en Valga. Ana Pastor mostrouse moi afectada por esta "tragedia terrible" e pediu ao pleno do Congreso que gardase un minuto de silencio para mostrar a súa repulsa contra estes asasinatos machistas "inaceptables en una sociedad avanzada" como a de España.
Pola tarde, mentres se seguía debatendo a presidencia do país, os excursionistas visitaron o Museo do Prado.