Destrúen máis de 7.000 litros de licores ilegais intervidos pola Garda Civil no últimos tres anos na provincia
Por Redacción
Unha empresa especializada na xestión de residuos e autorizada para estas tarefas en concreto retirou este mércores 7.329 litros de distintos licores que permanecían depositados na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra tras ser intervidos en distintos operativos de seguridade. O seu seguinte destino será a súa destrución.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, os licores estaban depositados nas dependencias da Comandancia ao dispor da Delegación de Aduanas e Impostos Especiais despois de ser intervidos durante os tres últimos anos na provincia por mor das actuacións fiscalizadoras das patrullas fiscais e fronteiras da Garda Civil.
Os licores retirados son fundamentalmente augardentes de fabricación artesanal intervidos pola Garda Civil en locais e establecementos onde se comercializan produtos que, como o alcol, están sometidos á normativa que regula o Regulamento dos Impostos Especiais.
Interviñéronse en inspeccións aleatorias e a maior parte son augardentes de fabricación artesanal que carecían das preceptivas etiquetas e precintas fiscais que puidesen determinar a súa trazabilidade, segundo prevén a lexislación vixente.
Entre todas as inspeccións realizadas, sobresae a incautación dunha partida de máis de máis 1.000 litros de bagazo clandestino e un alambique de 400 litros, que levou a cabo o mes de agosto do ano pasado nunha adega do municipio de Valga.
Unha vez resoltos os expedientes sancionadores incoados pola Delegación de Aduanas e Impostos Especiais como consecuencia das denuncias formuladas no seu día polas Patrullas Fiscais, foron retirados para o seu traslado e posterior destrución na provincia de Lugo.