'Galicia sabe' une tradición e vangarda culinaria co impulso ao sector primario
Por Redacción
A Xunta de Galicia traballa na Estratexia 'Galicia Sabe', un plan que marcará a nova folla de ruta transversal e dinámica do turismo enogastronómico que pretende converterse nunha guía para promover o recoñecemento, a protección e a difusión local, nacional e internacional da cultura enogastronómica de Galicia. Trátase dun documento no que se recollen as principais liñas de actuación e as prioridades para promover un turismo enogastronómico sustentable e baseado nos produtos autóctonos e de tempada, no valor das persoas e na paisaxe.
Estruturado en cinco liñas de acción e dez retos estratéxicos a desenvolver nos vindeiros catro anos, 'Galicia Sabe' integra a todos os axentes que participan na cadea de valor da cultura gastronómica de Galicia e facilita a aproximación do sector alimentario e do turismo a través do crecente protagonismo da gastronomía e da enoloxía nas motivacións para visitar Galicia. Para iso combinarase a posta en valor da tradición e vangarda culinaria galega co impulso da competitividade do sector primario.
Coa posta en marcha desta estratexia, na que a Xunta está a traballar activamente, lograrase impulsar un modelo de desenvolvemento sustentable e responsable, baseado na historia e a identidade cultural, a importancia do sector da alimentación e o viño, o coñecemento, a innovación, o capital humano e a creatividade; compatible co equilibrio territorial, o mantemento da vida no medio rural e no mar, e tamén coa mellora da calidade de vida da cidadanía.
IMPLICACIÓN DE TODO O GOBERNO AUTONÓMICO
'Galicia Sabe' implica a diferentes departamentos da Xunta de Galicia e ao sector privado. Tratáse do recoñecemento e a protección da cultura enogastronómica de Galicia; o impulso do coñecemento, da formación e o I+D+i, o impulso de produtos e liñas de traballo de turismo enogastronómico de Galicia, a renovación do marketing e comunicación e do modelo de gobernanza. Con esta folla de ruta, preténdese aumentar a participación da poboación en Galicia en experiencias e viaxes de turismo enogastronómico, conseguir unha maior diversificación nos produtos para chegar ao mercado nacional e dar, asimesmo, prioridade a países como Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e Estados Unidos.
Cómpre destacar tamén que os principais retos nos que afondará este instrumento son o impulso e o recoñecemento da enogastronomía como un elemento clave da identidade cultural de Galicia; a promoción dunha proposta de turismo enogastronómico sustentable de Galicia baseada en produtos locais de proximidade e de tempada, no valor das persoas e a paisaxe ou dos diferentes territorios de Galicia e recoñecemento das boas prácticas. Pretende tamén articular un conxunto de programas orientados á mellora da competitividade, a innovación e a creación de produtos e aumentar a rendibilidade do turismo enogastronómico de Galicia para reequilibrar o desenvolvemento territorial aproveitando os recursos da produción alimentaria do interior da Comunidade autónoma. Cómpre destacar tamén a necesidade de construír un relato co obxectivo de renovar estratexias de marketing e comunicación e situar a Galicia como destino enogastronómico de referencia nos mercados nacionais e internacionais. Tamén fomentar entre o público galego a calidade e variedade do turismo enogastronómico e propoñer un modelo de gobernanza para aliñar os distintos obxectivos estratéxicos e, finalmente, desenvolver e dinamizar territorios vitivinícolas.
PROCESO DE ELABORACIÓN
A elaboración da estratexia 'Galicia Sabe' baséase nunha análise da oferta e do sistema de innovación do turismo enogastronómico de Galicia, nun estudo de fontes secundarias e na elaboración do mapa de valor que se compón dunha base de datos de recursos de turismo enogastronómico e un atlas enogastronómico de Galicia.
Esta investigación pon de manifesto que a gastronomía é a segunda motivación dos turistas que viaxan á nosa Comunidade. Deste xeito, o turismo gastronómico sitúase en cuarto lugar na lista das actividades realizadas polos turistas; e a gastronomía é xa o segundo elemento mellor valorado na experiencia dos que visitan Galicia. A análise do panorama actual tamén revela que Galicia ten unha grande oportunidade de converterse nun destino líder se reposiciona a súa gastronomía tradicional baseada nun abundante, variado e diverso produto de altísima calidade local. Con todo, o estudo tamén revela que nos mercados internacionais existe certo descoñecemento de Galicia como destino, pero que o Camiño de Santiago pode ser un grande atractivo para o desenvolvemento de enogastronomía de calidade na Ruta Xacobea.
TURISMO ENOGASTRONÓMICO EN ALZA
Galicia estase a consolidar como un destino enogastronómico de primeiro nivel, sendo xa a segunda razón pola que os viaxeiros escollen a Comunidade. Así o revelan as últimas enquisas de destino realizadas polo Goberno galego, que indican que un 42,5% dos visitantes elixe Galicia pola natureza e a paisaxe e un 25,8% a escolle pola oferta enogastronómica e un 24,9%, pola a tranquilidade e o descanso.
Dentro da política da Xunta o turismo enogastronómico ocupa unha posición estratéxica, onde se valora a súa a gran capacidade de diversificar e desestacionalizar a oferta e permitir ao viaxeiro achegarse a multitude de paisaxes, recursos e produtos como o patrimonio, os pazos, os parques naturais ou as contornas rurais.
O noso gran potencial exprésase a través dunha materia prima moi apreciada e tamén a través máis de 300 festas enogastronómicas, das que unha conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional (Festa do Albariño de Cambados) e catro son Festa de Interese Turístico Nacional.
O potencial galego tamén se amosa na calidade dos profesionais, como constatan os nosos 11 restaurantes Estrela Michelin, os máis de 20 Bib Gourmand (incluídos na Guía Michelin pola súa relación calidade-prezo) e os preto de 40 Soles Repsol.
A posición estratéxica da enogastronomía no modelo turístico de Galicia materialízase en diferentes experiencias turísticas que teñen como eixo vertebrador o potencial culinario galego, como é o caso das Rutas dos Viños, que permiten coñecer o potencial vitivinícola de Galicia a través das súas cinco denominacións de orixe; De Tapas por Galicia, que combina o turismo gastronómico co urbano, ou o Outono Gastronómico no turismo rural.
Por iso, a enogastronomía centra un dos principais compromisos da Xunta, que se materializa nesta estratexia transversal, coa calidade como referencia, e que pon especial énfase no vínculo da gastronomía co resto de elementos diferenciadores do noso turismo.
Terán cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional, impulsando ademais a competitividade do sector primario. A Xunta quere estimular a relación entre a cociña e os centros de investigación e innovación e tamén potenciar os produtos e receitas relacionadas con determinadas tradicións, épocas do ano ou zonas xeográficas.
ACCIÓNS PREVISTAS
As actuacións máis inmediatas abranguen a formación e a potenciación da economía local e os mercados.
Executaranse accións de sensibilizacion entre o sector educativo sobre a importancia da enogastronomía en Galicia e impulsarase a formación e o I+D+i, reforzando as actividades formativas aproveitando escolas como o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), que é líder neste campo.
Tamén se desenvolverán experiencias ao redor de rutas baseadas en produtos agroalimentarios amparados polas Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas e dinamizaranse mercados e lonxas desde o punto de vista turístico e con incentivos aos emprendedores do sector.