Catro procesos selectivos reducirán a taxa de temporalidade no plantel do Concello
Por Alejandro Espiño
Reducir a taxa de temporalidade no seu persoal ata o 8%, como marca o acordo das administracións públicas cos sindicatos. É o obxectivo dos catro procesos selectivos, tres xa activos e un cuarto aínda por convocar, que ten en marcha o Concello de Pontevedra.
A edil de Persoal, Carmen Fouces, explicou que, cos 52 funcionarios que incorporará a administración municipal nos próximos meses, "estaremos a rozar" esa taxa. "É importante porque así o manda a lexislación", engadiu. Son, na súa práctica totalidade, vacantes por xubilacións.
Esta oferta pública "en acción" correspóndese coas 38 prazas convocadas para 2017, 2018 e 2019. Ademais, outras catorce inclúense na oferta de 2020 que, a falta de negociar cos sindicatos, incluirá por vez primeira prazas para persoas con discapacidade.
En concreto, o Concello convoca 18 prazas para a Policía Local (17 axentes e un inspector) e dous para Bombeiros. Neste último corpo, a praza de sarxento sairá a concurso "antes de que remate o ano", segundo Fouces. Con estas incorporacións, ambos os servizos, que teñen un persoal de 125 e 42 efectivos respectivamente, estarán "practicamente cubertos".
A estas prazas, sumaranse oito operarios, tres subalternos, dous enxeñeiros informáticos, un mestre electricista, un oficial electricista, un técnico de control semafórico e un técnico da administración xeral.
Vinte e dúas destas prazas convocadas (trece policías locais, os oito operarios e un enxeñeiro informático) son de acceso libre e o resto de promoción interna ou prazas que obriga a lei para reservar para "mobilidade horizontal", é dicir, traballadores doutros concellos que queiran trasladarse a un novo destino.
Con estas novas incorporacións o Concello contará cun persoal próximo aos cincocentos traballadores que permitirá, destacou a responsable de Persoal, "fortalecer ou músculo" da administración municipal e avanzar na súa modernización.