O anuncio da repetición electoral non colle por sorpresa aos políticos locais
Por Alejandro Espiño & Anxo Lourido
A convocatoria das novas eleccións o próximo 10 de novembro, as cuartas en catro anos, non sorprendeu na política local. Iso si, cada un dos líderes fai unha valoración radicalmente diferente dos motivos polos que Pedro Sánchez renuncia á investidura e as responsabilidades que ten cada partido na repetición electoral.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que esta situación de bloqueo demostra a "podremia" da política estatal, os "intereses creados" nos partidos e a "falta de seriedade" dos seus líderes.
Fernández Lores lamentou a "deriva" que aprecia na política nacional, na que ao seu xuízo instalouse o "radicalismo verbal" que fai "imposible" que se poidan alcanzar acordos ou que "funcione" o sentido común.
Ante este escenario, dixo o rexedor pontevedrés, unhas novas eleccións "non van servir para nada" porque os grandes partidos "non asumen" que España é un estado plurinacional onde conviven "intereses contrapostos".
Con respecto ao BNG, o alcalde pontevedrés entende que estas novas eleccións supoñerán unha "nova oportunidade" para que o BNG recupere a súa presenza en Madrid.
Este partido, engadiu Lores, "ten os pés na terra" e defende os intereses de Galicia "por riba de todas as cousas". Que o BNG logre algún deputado o próximo 10 de novembro, subliñou Fernández Lores, será "fundamental" para o futuro de Galicia.
O líder do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, asegurou pola súa banda que levar a España a unhas novas eleccións é unha "irresponsabilidad absoluta" por parte do PSOE.
"Creo que genera cansancio que otra vez tengamos que ir a votar", sinalou Domínguez, que entende que estes comicios xeran un gasto "enorme" que, segundo sinalou, "se podría haber evitado.
Para esta nova cita coas urnas, o dirixente popular asegurou que o PP de Pontevedra "está preparado".
Tino Fernández, portavoz do PSdeG-PSOE, deixou ver "certa decepción" pola actitude dos grupos políticos que non permitiron a investidura de Pedro Sánchez, "vulnerando" a vontade "maioritaria" dos cidadáns que, o pasado mes de abril, votaron por un goberno progresista.
"Os cidadáns valorarán a actitude dos partidos neste proceso e votarán en conciencia", engadiu Fernández, que confía no que PSOE logre mellores resultados que nos comicios de abril.
Os socialistas, segundo Fernández, teñen a maquinaria "engrasada" e optarán por unha campaña "en positivo", chea de propostas para os "retos importantes" que debe afrontar España.