O plan de compostaxe individual desembarca en Tomeza, primeira parada para chegar a todo o rural

Por Redacción
A parroquia de Tomeza estreou este mércores o sistema de compostaxe individual que durante os próximos meses chegará ao resto do rural de Pontevedra. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro coordinador do rural, Alberto Oubiña, entregaron o primeiro composteiro individual nunha vivenda.
En concreto, entregáronlle o composteiro a Víctor Campos, propietario da panadería San Pedro, ubicada no baixo da súa vivenda, e, coñeceron de primeira man o proceso de entrega, que inclúe unha charla de persoal técnico da Fruga -neste caso Ángeles Ríos- sobre a montaxe do composteiro e o seu uso e a sinatura do documento no que o veciño se compromete a participar no programa de compostaxe.
Durante as vindeiras semanas, repartiranse composteiros individuais, porta a porta, en todas as vivendas da parroquia de Tomeza. Primeiro entregarase nas vivendas que xa o tiñan solicitado e, posteriormente, continuarase ata completar as aproximadamente 354 vivendas da parroquia.
Durante dous anos, técnicos da Fruga farán un seguimento en todas as vivendas que participan no programa de compostaxe para comprobar que os parámetros do proceso son correctos, en cuestións relativas a temperaturas, ausencia de insectos ou incidencias puntuais. Ademais das visitas programadas, os técnicos estarán dispoñibles para resolver as dúbidas que lle poidan xurdir á persoa usuaria durante o proceso.
Tomeza é a primeira parroquia na que se realiza o despregue de composteiros individuais, que continuará pola parroquia de Salcedo.
Lores valorou que o máis importante é que a tonelada ou tonelada e media de materia orgánica que se produce en cada casa non vai ir ao camión do lixo e a Sogama para incinerarse. Polo tanto, eses residuos non van producir contaminación e vanse aproveitar para xerar enriquecemento do solo dentro da propia vivenda.
En opinión de Lores, é moi importante que a xente "colla con cariño" o composteiro porque é un beneficio para eles, é de balde e, se o proceso se fai ben, sae un compost de alta calidade que "non ole, que non molesta, e que ten un aproveitamento de abono para as plantas e para o xardín".
Relacionadas:
-
Activan as visitas para a instalación de composteiros individuais no rural pontevedrés
Por Redacción |
-
A metade das vivendas de Tomeza xa se sumou ao plan de compostaxe individual
Por Redacción |
-
O Concello confía en ter despregados composteiros por todo o rural cara finais de 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Lores avanza que o recibo do lixo non subirá "ou mesmo baixará un pouco" co novo contrato
Por Alejandro Espiño |