Monográfico de Zero Waste sobre o Plan Revitaliza como "experiencia relevante na Unión Europea"
Por Redacción
A axencia europea "Zero Waste Europe" lanzará este venres en toda Europa a súa publicación monográfica sobre o Plan Revitaliza da Deputación tras consideralo unha "experiencia ambiental relevante" e asegurar que é un "caso de estudo" na xestión do lixo aplicable en moitas zonas da Unión Europea.
O propio director executivo da entidade, Joan Marc Simon, trasladarase a Pontevedra este venres para dar a coñecer o informe.
Amais, haberá un lanzamento simultáneo do traballo dende Bruxelas dentro da programación da Semana do Clima.
Esta publicación monográfica sobre o Revitaliza xorde despois de que o persoal técnico de Zero Waste coñecese a iniciativa da Deputación de fomentar o tratamento de biorresiduos a través da compostaxe de proximidade, mediante centros de compostaxe comunitaria, composteiros individuais e futuras pequenas plantas de tratamento. Entón, o plan provincial foi seleccionado como "experiencia ambiental relevante".
Posteriormente, o responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitou Pontevedra durante varios días co fin de coñecer de primeira man o traballo realizado nos concellos pontevedreses para logo escribir un estudo técnico.
Na súa estancia na provincia Condamine xa asegurou que a compostaxe de proximidade do Revitaliza pódese aplicar en cidades e rexións similares, con poboación rural e dispersa. "Queremos demostrar que o que aquí se fai pode facerse noutras rexións", sentenzou.
Agora, no seu informe indica que grazas á compostaxe descentralizada, a provincia de Pontevedra pasou de non ofrecer opcións para xestionar os biorresiduos a un sistema descentralizado e baseado na comunidade, para engadir que despois de tres anos, máis de 2.000 toneladas de biorresiduos compóstanse localmente e o proxecto estendeuse a máis de dous terzos dos municipios da provincia. "España segue atrasada en canto ao cumprimento dos obxectivos Europeos de reciclaxe, pero a historia de Pontevedra demostra que é posible cumprilos con medidas sinxelas, eficaces e económicas grazas á compostaxe decentralizada", afirma.
Este venres o director executivo de Zero Waste, Joan Marc Simon, estará en Pontevedra para explicar polo miúdo os detalles que levaron á axencia europea a fixar os seus ollos no Revitaliza, escribir o "estudo de caso" e difundilo pola UE. De feito, amais da presentación formal da publicación monográfica sobre o Revitaliza, Zero Waste lanzará publicamente o informe de forma simultánea dende Bruxelas a outros organismos, institucións, e colectivos co obxectivo de ter a máxima divulgación.
O Plan Revitaliza está a levantar unha grande expectación en xeral dentro do Estado Español, con visitas de representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, deputacións, concellos e outras administracións relacionadas cos residuos. Así mesmo, despunta o recoñemento internacional por parte de países asiáticos, americanos e africanos.
Relacionadas:
-
Os pontevedreses reciclan 267 toneladas de residuos cada mes
Por Alejandro Espiño |
-
"Ao volver a China adaptaremos o aprendido aquí do Plan Revitaliza ao noso contexto"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O "Selo Revitaliza" distinguirá o compromiso dos restaurantes coa compostaxe e co medio ambiente
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O Concello confía en ter despregados composteiros por todo o rural cara finais de 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Un proxecto de transformación social máis aló da economía circular
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O Plan Revitaliza indica o camiño a seguir a outros lugares e servirá de base para nova lexislación europea
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A axencia europea "Zero Waste Europe" estuda en Pontevedra o plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"Zero Waste Europe" difundirá por toda Europa o Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
A Deputación elabora unha ordenanza pioneira sobre compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Revitaliza da Deputación, elixido como mellor experiencia ambiental de España
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |