Andainas e un concurso de fotografía porán en valor a beleza natural de Terras de Pontevedra
Por Redacción
Un programa de andainas e visitas por algunhas das contornas naturais máis representativas da Mancomunidade Terras de Pontevedra e a celebración dos II Premios de Comunicación Turística servirán para amosar a beleza paisaxística dos municipios de Pontevedra, Campo Lameiro, Marín, Poio, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa e poñer en valor o Camiño de Santiago.
Os proxectos foron presentados este xoves pola concelleira delegada da mancomunidade, Yoya Blanco; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, e o tenente de alcalde de Ponte Caldelas, José Manuel Martínez.
Os II Premios de Comunicación Turística outorgaranse en catro categorías diferentes: natureza e biodiversidade; praias, rías e ríos; micoloxía e arte rupestre, e Camiño de Santiago, gastronomía e festas.
Esta proposta artística complementarase, en paralelo, cunha serie de roteiros e andainas que serán publicitadas principalmente en casas rurais, hoteis, albergues e oficiñas de turismo do territorio.
O coordinador da iniciativa, José Rodrigo, indicou que as andainas e visitas organizadas contarán coa presenza de expertos en arqueoloxía, bioloxía ou micoloxía, e nelas, os participantes que así o desexen poderán realizar fotografías para presentar aos Premios de Comunicación Turística.
A actividade dará comezo o sábado 28 de setembro cun roteiro polas praias de Covelo e Laño, os muíños de Samieira e os miradores de Poio, ao que lle seguirán outro polos muíños de Riomaior (Vilaboa) e polo paseo fluvial do río dos Gafos, o sábado 5 e o domingo 6 de outubro respectivamente.
O domingo 13 de outubro visitarase a Festa da Mazá e da Sidra de Santo Tomé de Piñeiro (Marín), o sábado 19 de outubro farase unha saída na procura de cogomelos en Cerdedo-Cotobade e o domingo 20 de outubro coñeceranse os petróglifos de Tourón (Ponte Caldelas). O programa pecharase cunha visita ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro o sábado 26 de outubro e un paseo pola senda do Lérez o domingo 27 de outubro.
Todas, a excepción da visita ao parque arqueolóxico (que se realizará entre as 17.00 e as 20.00 horas, para aproveitar as mellores condicións de luz no lugar), faranse en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas. As datas e horarios poderán variar en función das condicións metereolóxicas e outros imprevistos.
O número máximo de participantes para cada unha destas andainas é de 20 persoas. A reserva de prazas farase por estrita orde de inscrición nas mesmas. Ademais de con cámara de fotos, recoméndase acudir aos roteiros cun equipamento axeitado a unha xornada de campo: vestimenta cómoda, botas de montaña ou calzado deportivo (evitar sandalias ou tacóns), gorra, paraugas, auga e un pequeno tentempé.