Polo menos seis detidos e 500 quilos de droga intervidos nunha operación da Policía Nacional en Marín e Estribela
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unidades especializadas da Policía Nacional desenvolveron este xoves unha operación antidroga en Marín e no barrio pontevedrés de Estribela na que foron detidas polo menos seis persoas pola presunta relación cunha rede criminal adicada ao tráfico de sustancias estupefacientes e, en concreto, cun alixo de 500 quilos de cocaina nunha nave do lugar de Coirados, na barriada de San Pedro.
O operativo supuxo o despregamento a partir de primeira hora da tarde de varias unidades policiais da Comisaría de Pontevedra e chegadas desde outros puntos da xeografía galega. Está liderado polo Grupo de Resposta Especializada contra o Crime Organizado (GRECO) e coordinado desde a Brigada Central de Estupefacientes de Madrid e pola Audiencia Nacional.
A actuación policial incluíu varios rexistros e supuxo a incautación de 500 quilos de cocaína, segundo as fontes consultadas por este xornal. De todas maneiras, oficialmente aínda non se realizou balance do operativo, que tentou levar con total segredo e que continúa aberto. Ademais, segundo algunhas fontes, pode ter ramificacións noutros puntos do territorio español.
Ademais, despregáronse na zona limítrofe entre Marín e Pontevedra efectivos do Grupo Especial de Operacións (GEO), unidade de elite do Corpo Nacional de Policía para loitar contra a delincuencia organizada. Ademais, desprazouse ata a zona para apoiar o operativo un helicóptero da Policía Nacional.
Segundo as informacións ás quie tivo acceso PontevedraViva, o operativo desenvolveuse en distintos puntos do municipio de Marín, entre eles, as inmediacións do porto, pero fóra das instalacións portuarias, na zona limítrofe entre Marín e Pontevedra.
A máis visible das actuacións desenvoltas no marco desta operación antidroga foi un control de grandes dimensións realizado na avenida Marqués de Valterra, no barrio de Estribela. Varias dotacións policiais deron o alto aos peóns e vehículos que circulaban pola contorna e realizaron un exhaustivo control a todos eles.
Os detidos foron trasladados ás comisarías da Policía Nacional de Pontevedra e Vigo e está previsto que sexan postos a disposición xudicial durante a xornada deste sábado.