A Deputación reforzará a axuda para servizos sociais aos concellos da provincia máis envellecidos
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra incrementará este ano os fondos destinados aos servizos sociais comunitarios dos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes e reforzará de xeito especial as contías destinadas ás 15 localidades con maior índice de envellecemento, entre as que se atopan varias das comarcas de Pontevedra e Umia como Cerdedo-Cotobade, A Lama, Cuntis e Campo Lameiro.
En concreto, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou un Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais dos concellos con menor poboación que suporá poñer a disposición de 52 municipios da provincia un total de 2.370.563,9 euros, 65.450,57 euros que en 2018.
A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, deu a coñecer este Plan este venres e destacou que se trata da "maior contía que nunca destinou a Deputación ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar básico e o persoal dos concellos" de menos de 20.000 habitantes.
Segundo explicou a presidenta provincial, a Deputación aumenta os recursos para garantir o diñeiro que vai recibir o servizo de axuda no fogar nos concellos de Baiona, Cambados, Gondomar, Moaña, Poio, O Porriño, Salceda, Soutomaior, Tui e Vilaboa e reforza a financiación aos 15 concellos que presentan os índices de envellecemento máis elevado.
En relación cos concellos máis envellecidos, explicou que apostan por facilitar que haxa medidas para o envellecemento activo, apostando sobre todo por aqueles lugares que teñen máis dificultades. Neste caso os concellos son Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Lama, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Vila de Cruces.
En relación co Servizo de Axuda no Fogar, adxudican 1.291.561,9 euros para atender a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con diversidade funcional, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato. O perfil das persoas usuarias deste servizo é, principalmente, unha muller, maior de 70 anos, coas limitacións propias da idade e que precisa apoio para realizar algunha das tarefas e actividades da vida diaria.
O Plan de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais busca integrar o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade.