
© PontevedraViva
Lores avanza que o recibo do lixo non subirá "ou mesmo baixará un pouco" co novo contrato

Por Alejandro Espiño
Preparar o novo contrato do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria é unha das prioridades que o goberno municipal de Pontevedra márcase para este primeiro tramo do mandato. Será unha tarefa "complexa", recoñecen desde o Concello, na que xa se atopan inmersos os técnicos municipais.
A intención é poder licitalo no prazo máximo de dous anos, segundo confirmou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun almorzo informativo cos xornalistas da cidade. Recoñece que a súa tramitación "vai un pouco atrasada" pero confía en que, unha vez adxudicado, o beneficio que consiga a cidade "sexa semellante co da auga".
O executivo municipal entende que o actual contrato non satisfai plenamente as necesidades da cidade, algo que achacan a que Pontevedra "medrou moito" nos últimos anos. "É imprescindible ampliar o contrato", explica o alcalde ante o aumento dos espazos públicos e zonas verdes a limpar.
Esta situación implica, segundo Lores, que o custo do servizo vaia a aumentar con respecto ao que cobra Ferrovial Servizos na actualidade, uns seis millóns de euros anuais, pero o rexedor garantiu que o recibo que pagan os pontevedreses, uns 131 euros ao ano, non aumentará "ou mesmo baixará un pouco" co novo contrato.
Este nivel impositivo permite, lembrou o alcalde, cubrir o custo do servizo, a diferenza do resto de cidades galegas onde hai un "déficit bestial" que asumen os respectivos concellos á conta de realizar menos investimentos nos seus municipios. "Gustaríame que puidera custar 50 ou 70 euros pero non é posible", engadiu.
Neste encontro coa prensa, Miguel Anxo Fernández Lores tamén defendeu a medida de limitar ao 10 km/h a velocidade nas rúas de plataforma única. En Pontevedra, dixo, os peóns "teñen máis medo das bicicletas ou dos patinetes que dos coches", polo que avogou pola necesidade de "tomar medidas" que afecten a todos os vehículos.
"Aquí non se corre", engadiu o alcalde, que lembrou que as cidades "son para convivir" e a normativa debe adaptarse á realidade social de Pontevedra. "Vamos a seguir nesa liña", asegurou porque, segundo lembrou, "Pontevedra non é Madrid Central, é un proxecto integral que ten coherencia e no que somos un referente mundial".
Ademais, Lores suxeriu que nos próximos anos haberá un "avance impresionante" nos barrios e unha mellora "integral" na administración municipal ou que o contacto "permanente" que o Concello mantén coa Xunta "fará posible" a posta en marcha dun sistema de transporte público urbano, interurbano e a demanda.
Relacionadas:
-
O novo contrato do lixo oscilará entre os 11 e os 13 millóns de euros anuais
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra devolverá case cinco euros por domicilio no recibo do lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez, en Oviedo: "Hai alternativas para ter unha cidade máis limpa"
Por Redacción |
-
O plan de compostaxe individual desembarca en Tomeza, primeira parada para chegar a todo o rural
Por Redacción |
-
Prometen unha "reflexión profunda" ante as denuncias pola falta de limpeza do centro histórico
Por Alejandro Espiño |