Galicia aposta polo comercio local, dixital e sustentable
Por Redacción
A Consellería de Economía, Emprego e Industria renova o seu compromiso co tecido comercial galego coa posta en marcha da iniciativa Comercio 360.
Este programa persegue dar un pulo ao sector para mellorar a súa competitividade e fomentar a modernización a través da dixitalización, a economía circular e o apoio ao produto local.
Comercio 360 é unha estratexia global que inclúe valores como a sustentabilidade ou a creación de marca vencellada ao territorio. Así mesmo, adáptase o sector á realidade económica actual, cun novo concepto máis amplo de comerciante, onde se teñen en conta aspectos como o deseño ou a fabricación de produto propio.
Esta estratexia dinamizadora contempla a todos os axentes que interveñen na actividade comercial. Desde o produtor ou vendedor ata o cliente, ao que se dará resposta eficaz anticipándose ás súas necesidades e adaptando a actividade dos comercios aos novos hábitos de consumo.
O VALOR DO COMERCIO DE PROXIMIDADE
O tecido comercial dunha cidade ou vila está estreitamente relacionado coa súa identidade. A importancia do comercio local vai máis aló da economía ata constituírse nun vertebrador social.
Todos estes valores contan nesta nova iniciativa destinada a pemes de menos de 10 traballadores, unha estratexia de impulso á competitividade do comercio de proximidade.
Un dos obxectivos é ofrecer aos establecementos unha folla de ruta para conseguir un comercio diverso, moderno e adaptado ás novas realidades e servizos. Para iso, vaise reforzar tanto a súa imaxe dixital como física, o que permitirá dinamizar tamén os centros urbanos das cidades e vilas galegas para facelos máis atractivos aos cidadáns, turistas e visitantes.
O esforzo formativo canalizarase a través da creación de sete laboratorios comerciais nas principais cidades galegas para asesorar e impulsar o Comercio 360, achegando aos interesados servizos personalizados de mentoring, comunicación e publicidade, marketing intelligence ou mellora da xestión, entre outros.
DIXITALIZACIÓN DO SECTOR COMERCIAL E ARTESANAL
O desenvolvemento do marketing dixital é fundamental para potenciar a competitividade do pequeno comercio e dos obradoiros artesanais.
O comercio galego ofrece alternativas ás grandes plataformas de venta, xa que o seu punto forte é o produto local de calidade. Por iso, as novas fórmulas de comercialización online son estudadas como unha oportunidade e se desenvolven estratexias para fomentar a proximidade cos clientes, con respostas rápidas ás súas demandas, trato personalizado e axilización na distribución.
A estratexia Comercio 360 está a promover medidas de apoio á innovación, a dixitalización e as novas canles de relación e comunicación co cliente, como poden ser as redes sociais ou mesmo os asistentes de compra virtual.
ECOINNOVACIÓN
Unha importante liña de axudas contempla a chamada ecoinnovación, onde se promove a sustentabilidade ambiental e o impulso dun comercio verde, ligado co coidado da contorna.
O apoio ás iniciativas sostibles xa se está materializando en tres medidas efectivas: a adhesión á plataforma de tícket dixital –que ten todas as vantaxes do tícket tradicional pero co engadido de evitar a perda ou deterioro do mesmo e minimizando así o uso do papel–; a promoción dos ecoenvases realizados con materiais 100% biodegradables; e a implantación de proxectos de economía circular que fomentan a reciclaxe e os produtos ecolóxicos.
OBXECTIVOS
A Xunta márcase tres obxectivos prioritarios coa posta en marcha desta iniciativa. Por unha banda, lograr que 10.000 comercios galegos se sumen a esta estratexia Comercio 360; por outra, que máis de 1.000 comercios se beneficien dos servizos de asesoramento; e, en terceiro lugar, que 5.000 comercios incorporen no seu modelo de xestión a aposta pola sustentabilidade e o tícket dixital.
Cunha visión a tres anos (2019-2021), nesta primeira fase póñense en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a ecoinnovación e os laboratorios comerciais.