Chegou o castañeiro, xa é outono na Boa Vila
Por Oskar Viéitez
Xa é outono na Boa Vila. Do mesmo xeito que El Corte Inglés anuncia o inicio da primavera cando lle dá a gana en Pontevedra a chegada do tren das castañas á praza da Ferrería marca o noso equinocio local e o inicio da estación.
É unha tradición tan consolidada como a da marmota Phil de Punxsutawney, no Estado de Pensilvania, así que de pouco vale que nos digan que oficialmente no hemisferio norte o inicio do outono será o vindeiro luns 23 de setembro.
Con este mesmo desdén interprétanse os prognósticos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), os mesmos que dixeron que Galicia tería un verán "normal" e que agora apuntan que o outono nos traerá temperaturas "un pouco superiores ao habitual" e tamén será "normal" en canto ás precipitacións.
Os meteorólogos locais de Meteogalicia manteñen que este sábado as Rías Baixas veranse afectadas polo paso dunha fronte fría asociada a unha borrasca que se localizará ao oeste de Irlanda.
Deste xeito o ceo estará moi nubrado e as choivas comezarán nas primeiras horas e irán remitindo pola tarde pero á noite volverán os chuvascos, ocasionalmente fortes e treboentos na franxa atlántica. As temperaturas mínimas serán suaves, pero as máximas descenderán de maneira moderada a notable. Os ventos soprarán moderados de compoñente sur, con intervalos fortes no litoral.
O domingo entrará en Galicia o aire frío que vén tras a fronte do sábado, que deixará unha xornada marcada polos chuvascos.