Os cinco concellos socialistas do Salnés persónanse no contencioso co obxecto de "desbloquear" a Mancomunidade
Por Redacción
Cinco dos nove municipios que conforman a Mancomunidade do Salnés decidiron persoarse no contencioso administrativo no que se apoia o presidente en funcións do órgano supramunicipal, o popular Gonzalo Durán, para impedir a constitución do organismo que, en base aos resultados das pasadas eleccións municipais do mes de maio, pasaría a estar presidido polo PSOE.
Os municipios con gobernos socialistas do Salnés: Vilagarcía, Cambados, O Grove, A Illa e Meis actuarán como parte na causa do recurso interposto por un particular e pedirán a anulación das medidas cautelares solicitadas polo recorrente, co obxecto de evitar os prexuízos que pode causar aos o municipios membros a parálise da Mancomunidade durante tan largo período.
Tras unha consulta legal e xurídica cos seus avogados, os cinco concellos fixeron efectiva esta semana os trámites para persoarse na causa, ao considerar que a lei avala a votación secreta da elección dos representantes do Concello de Meaño na Mancomunidade.
Maila isto, e a sabendas que a resolución do recurso tardará aínda moitos meses, os concellos socialistas, baseándose no "interese xeral" dos oito municipios membros da Mancomunidade, demandarán a anulación das medidas cautelares para permitir a constitución do novo Pleno da Mancomunidade, argumentando os "graves prexuízos que o bloqueo do organismo podería ter a posible paralización do desenvolvemento de programas e servizos, así como da tramitación de novas iniciativas de interese para o conxunto dos veciños".
Os cinco concellos son firmes á hora de esixir "que se dea cumprimento ao mandato democrático das urnas" e rexeitan absolutamente a posibilidade de que se manteña o actual goberno en funcións ata a resolución do contencioso, dado que isto "provocaría situacións tan contraditorias como que seguisen formando parte dos órganos de goberno persoas que actualmente xa non forman parte de ningunha Corporación Municipal", argumentan.