O BNG pide que a ubicación do parque de bombeiros atenda a criterios técnicos "e non a ofertas individualistas"
Por Oskar Viéitez
"A ubicación do parque de bombeiros debe atender a plantexamentos técnicos e naquel lugar onde a resposta sexa inferior aos 20 minutos en todos os concellos da zona de sombra". Así o din os portavoces do BNG nos concellos de Cerdedo-Cotobade (Ernesto Filgueira), Ponte Caldelas (Lito Muíños), Moraña (Marcos Suárez), A Lama (Suso Fortes) e Campo Lameiro (Dolores Domínguez).
Ernesto Filgueira sinalou que "en nome dos grupos nacionalistas dos Concellos do interior manifestamos o desexo de que as ofertas que se fagan en relación a este serio problema sexan consensuadas e axeitadas ás necesidades de todo o territorio da zona de sombra e non ofertas individualistas e ailladas para saír do paso".
Como denunciaron anteriormente, o interior da provincia atópase nunha zona de sombra na que os tempos de resposta varían desde os 30 minutos á hora "provocando unha gran desigualdade entre a veciñanza do rural respecto a outras zonas urbanas".
Para o BNG este é un tema que merece "altura de miras, capacidade de diálogo, superación dos intereses partidistas e interese por conseguir acordos consensuados que beneficien a todos os Concellos por igual".
Por tal motivo, os portavoces nacionalistas agradecen ao alcalde de Ponte Caldelas, o socialista Andrés Díaz, e á presidenta da Deputación, Carmela Silva, as súas recentes ofertas, pero cren que "o correcto non é lanzar propostas ao aire de xeito individual para parecer que se fai senón que os pasos a seguir deben ser outros".
Así, os portavoces do BNG instan a Carmela Silva a convocar unha mesa de encontro entre os alcaldes e os grupos políticos de cada corporación dos concellos afectados así como a asistencia da Xunta.
Consideran que a Deputación é a encargada de solicitar un "estudo obxectivo" no que determine "tecnicamente" a mellor localización do parque de bombeiros a fin de "responder a todos os territorios en menos de 20 minutos". Tamén rexeitan que o parque se financie con fondos do Plan Concellos, como propuxo a presidenta provincial.