O PSOE denuncia que a escola infantil de Tenorio incumpre o horario que fixa a lei
Por Redacción
O PSOE de Cerdedo-Cotobade denuncia o incumprimento do horario que fixa a lei por parte da Escola Infantil de Tenorio.
Este centro forma parte da rede Galiña Azul do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que establece que a súa hora de apertura é ás 07:30 e a de peche ás 18:00.
Con todo, os socialistas aseguran que o horario que se marca desde dirección deste centro de Tenorio é de 07:30 ata ás 17:00 horas, "polo que a escola infantil pecha unha hora antes do lexislado".
Os socialistas aseguran que esta hora de peche "dificulta aos pais recoller aos seus nenos e nenas a tempo, polo que presentaron diferentes solicitudes dun cambio de horario no momento da matriculación dos seus fillos e das súas fillas".
O PSOE afirma que, tanto a dirección da escola como o Concello puxéronlles como solución a existencia dunha segunda Galiña Azul na parroquia de Cerdedo que pecha ás 19 horas, "pero a diferenza quilométrica entre unha escola infantil e a outra é de, aproximadamente, 20 quilómetros, unha distancia que ven ilóxico ter que asumir contando cun centro moito máis preto das súas casas".