Así se xogan a vida a diario os escolares de Chancelas para coller o autobús na PO-308
Por Anxo Lourido
Cada xornada escolar, o alumnado que reside no núcleo de poboación de Chancelas xógase a vida para cruzar por unha estrada, entre Pontevedra e Sanxenxo, pola que pasan ao redor de 24.000 vehículos diarios. Sen semáforos, sen pasos de peóns nin medida algunha de acougado do tráfico, os menores están obrigados a sortear os vehículos que circulan a unha velocidade de 70 km/ h. por esta estrada e mesmo botarse a correr para cruzar evitando os turismos e poder chegar ata a parada de autobús onde esperan o transporte escolar.
Despois do atropelo dun menor este mesmo 2019 e da morte de ata cinco peóns neste vial nos últimos anos, a portavoz da Plataforma pola seguridade viaria na PO-308, María Barcia, presentou dous escritos, un dirixido á consellería de Infraestruturas e outro ao Concello de Poio.
No escrito presentado ante a Xunta de Galicia, a representante veciñal alerta de que a veciñanza de Chancelas e parroquias adxacentes levan anos soportando unha elevada sinistralidade e a falta de medidas de seguridade na estrada PO-308. Ante o inicio do curso escolar e para evitar novos accidentes entre a poboación infantil, desde a plataforma solicitan de maneira urxente e inaprazable o pintado dun paso de peóns entre os puntos quilométricos 7,6 e 7,4.
No documento presentado ante o Concello, María Barcia pide expresamente ao alcalde de Poio, Luciano Sobral e a toda a corporación municipal o apoio nas súas reivindicacións ao entender que é inaceptable que os escolares teñan que facer fronte a esta situación que pon en perigo as súas vidas.
O colectivo xa celebrou actos de protesta durante o verán reclamando medidas de seguridade viaria xa que veciños e turistas teñen que acceder ás praias por unha estrada que soporta unha alta presenza de tráfico rodado.