A Fiscalía pide oito anos de prisión para un home que atacou a outro cunha machada
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este martes, 24 de setembro, un xuízo no que a Fiscalía pedirá oito anos de prisión para un veciño da Estrada como presunto autor dun intento de homicidio.
Tamén solicita que se lle impoña a prohibición de achegarse ao agredido a unha distancia "en ningún caso inferior aos 200 metros", a calquera lugar no que se atope, polo tempo de 13 anos, así como a prohibición de comunicarse con este veciño a través de calquera medio durante leste mesmo período.
A Fiscalía reclama 36.385 euros como indemnización en materia de responsabilidade civil.
No escrito de acusación do Ministerio Público relátanse uns feitos ocorridos en decembro de 2015 cando o acusado concertou un encontro coa súa vítima para "resolver un conflito derivado dunha relación de traballo que mantivesen uns meses antes".
Citáronse no aparcamento dun establecemento hostaleiro situado na parroquia de Arnois, na Estrada. O acusado saíu do vehículo cun machada coa que golpeou ao outro home. Alcanzoulle nun brazo "cando trataba de protexer a súa cabeza e cara do golpe", precisa o escrito de acusación.
Como consecuencia destes feitos, ao agredido quedaron diversas secuelas que "o incapacitan de modo permanente para o exercicio da súa profesión habitual de madeireiro".