"Depo en marcha 2019" inicia esta semana novos obradoiros
Por Redacción
Ao longo desta última semana de setembro comezarán novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha 2019", da Deputación de Pontevedra. Os talleres iniciaranse en municipios coma Sanxenxo, Cambados, O Grove e Pontevedra.
Máis polo miúdo, en Sanxenxo a Asociación de xubilados e pensionistas San Estevo de Noalla comeza un curso de ximnasia de mantemento no que van participar 27 persoas. No mesmo concello tamén terá lugar outro obradoiro de ximnasia de mantemento, neste caso organizado polo Club de Pensionistas de Sanxenxo, no que participarán 30 persoas.
Por outra banda, en Cambados terá lugar un taller de pilates da man da Asociación de veciños O Batuqueiro de Vilariño. Nel están inscritas 29 persoas.
En O Grove, a Asociación de mulleres rurais A Lagoa desenvolverá un obradoiro de traballos manuais variados no que un total de 15 persoas.
No que respecta a Pontevedra, os luns entre 23 de setembro e o 25 de novembro serán 15 as persoas que participarán no obradoiro de cociña galega organizado pola Asociación Cultural Veira do Río de Ponte Sampaio. Por outra banda, a A.C.D. Chan do Monte impartirá un taller de pilates entre o 24 de setembro e o 19 de decembro.
Os principais obxectivos deste programa son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade.
Este ano, a empresa Xestión Cultural Aurea S.L é a encargada de xestionar o programa.