Organizan unha andaina polo tramo soterrado do río dos Gafos
Por Oskar Viéitez
Vaipolorío e a Asociación de veciños San Xosé de Campolongo organizan unha curiosa andaina polo tramo soterrado do río dos Gafos.
"O río é vida, e a vida non se esconde, desfrutase", animan á cidadanía.
Será o vindeiro sábado 28 de setembro ás 11.00 horas. O punto de encontro será a ponte da Tablada.
As persoas participantes deberán levar botas de auga e lanternas.
Esta iniciativa xurde despois de que o concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes, anunciase o compromiso firme coa asociación ecoloxista Vaipolorío de que durante o actual mandato municipal finalmente empezará a materializarse o proxecto máis demandado do colectivo desde hai anos: destapar o tramo urbano do río Gafos. O plan aínda carece de prazos, pero a intención municipal é que empecen a darse os primeiros prazos no próximos catro anos.
O obxectivo é avanzar na recuperación integral do río Gafos, especialmente no seu tramo urbano, e son conscientes de que, para logralo, é fundamental apostar por destapar o leito. Antes de poder poñer en marcha ese plan será necesario elaborar un informe de viabilidade do proxecto e, segundo Iván Puentes, xa están a traballar na súa contratación.
O seguinte paso será elaborar unha memoria co prezo do proxecto e o terceiro sería xa o proxecto en si de rehabilitación do río entre a avenida de Vigo e a desembocadura na zona de As Corbaceiras. De todos os xeitos, estas dúas fases deberán esperar a que se elabore o documento de viabilidade, pois recoñecen que é posible que só resulte viable destapar unha parte do tramo urbano, a comprendida entre a avenida de Vigoy o colexio de Campolongo, pois río abaixo hai edificios e o proxecto podería complicarse.
Relacionadas:
-
Primeiro paso para o proxecto de destapar o Gafos: encargado o estudo de viabilidade
Por Redacción |
-
Unha 'andaina' popular reivindica o destape do Gafos para "devolverlle a vida" ao río
Por Alejandro Espiño |
-
Vaipolorío denuncia unha nova vertedura no río Gafos procedente das obras da A-57
Por Redacción |