O centro de día de Cuntis abrirá as portas no mes de outubro
Por Redacción
Tras anos de espera, a apertura do centro de día de Cuntis é xa inminente. Así o anunciou este luns o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez.
O dirixente visitou, acompañado polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, por membros da corporación e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o centro de día desta localidade pontevedresa.
Durante vindeiro mes de outubro irán incorporándose os primeiros usuarios de forma paulatina, unha vez se realicen os trámites administrativos para a adxudicación das prazas.
O centro conta cunha capacidade máxima de 40 usuarios, aínda que comezará a funcionar con 20 prazas que se poderán ir ampliando segundo a demanda.
A entrada en funcionamento deste centro de día é posible unha vez que o Concello dotouno dos servizos necesarios, como a acometida eléctrica, o saneamento ou o acceso rodado desde a estrada. O xerente recordou, así mesmo, que antes do verán se firmou o convenio de xestión do recurso segundo o modelo de cofinanciamento asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A Xunta ha invertido preto do millón de euros na construción e no equipamento do centro, que se incorporará a rede autonómica de centros de atención aos maiores e que lle dará servizo non só aos usuarios do municipio de Cuntis senón tamén a todos os concellos da súa contorna.
Cuntis, pola súa banda, destinou máis de 120.000 euros para financiar, a través do Plan Concellos da Deputación e con fondos propios municipais, a acometida de saneamento, a conexión coa rede eléctrica, o pintado, os traballos de carpintería, a reposición do tellado, o peche exterior e a xardinería ou o asfaltado dos accesos.
Relacionadas:
-
O centro de día de Cuntis completa as súas vinte prazas
Por Redacción |
-
Cuntis aspira a ser un referente na mellora da calidade de vida e o coidado aos maiores
Por Redacción |
-
Manuel Campos quere construír unha escola infantil pública en Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
O Centro de Día de Cuntis da o último paso para a súa apertura
Por Redacción |