O tecido empresarial galego renóvase coa Industria 4.0
Por Redacción
A Xunta de Galicia destinará 350 millóns de euros ata 2022 para o desenvolvemento da chamada Axenda Industria 4.0, un conxunto de medidas para impulsar un novo modelo industrial entre o tecido empresarial galego, competitivo na economía global e conectado.
Innovación, diversificación de mercados, internacionalización ou dixitalización son conceptos que se contemplan nesta Axenda 4.0, coa mirada posta tamén no capital humano como axente de cambio a través da xestión das vantaxes das novas tecnoloxías. En definitiva, reinventar a industria galega para facilitar a súa transformación dixital.
As medidas clave para promover a transformación do tecido produtivo galego cara a Industria 4.0 son catro: Servizos 4.0, Solucións 4.0, Plataforma 4.0 e Financiamento 4.0, onde se contemplará o deseño de estratexias, asesoramento, desenvolvemento de talento e estudos de financiación.
As áreas de traballo estarán coordinadas por un órgano estable, chamado Gobernanza Industria 4.0, no que estarán presentes os axentes socioeconómicos e que ten como finalidade liderar a orientación e o desenvolvemento desta nova etapa industrial en Galicia.
SERVIZOS 4.0
Esta área agrupa a prestación de diferentes servizos ás pemes a través do lanzamento de novas business factories, enfocadas na Internet das cousas, Big Data & Analytics, con especial foco en sectores estratéxicos, así como o desenvolvemento dos Hubs ou conexións de innovación dixital.
SOLUCIÓNS 4.0
Co obxectivo de avanzar no novo modelo industrial e dar resposta aos diferentes retos da transformación dixital, desenvolveranse medidas como a consolidación de Centros de Fabricación Avanzada e traballo cos provedores de maquinaria industrial para validar e demostrar solucións de tecnoloxías dixitais "made in Galicia" en sectores industriais concretos. Con este obxectivo está a implantarse o Programa Maquinaria 4.0, dirixido a provedores de bens de equipo para o tecido empresarial.
PLATAFORMA 4.0
Todas estas medidas requiren dun seguimento que se realizará a través do Observatorio da Industria 4.0, unha plataforma colaborativa que facilitará o coñecemento mutuo entre axentes, permitirá detectar necesidades e a posta en marcha de proxectos en colaboración.
FINANCIAMENTO 4.0
Axenda Industria 4.0 é un ambicioso proxecto que precisa de partidas económicas específicas que se canalizarán a través da liña Financiamento 4.0, un programa integral dirixido ás empresas para tecnoloxías 4.0 que favorezan a realización de proxectos en colaboración de I+D, de investimentos tecnolóxicos e investimento estranxeiro.
PROGRAMA PROFESIONAIS 4.0
O Goberno autonómico tamén impulsa a especialización e o acceso ao mundo laboral de 140 mozos e mozas en industrias dixitalizadas a través do Programa Profesionais 4.0, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
O obxecto das axudas é a incorporación, titorizada e con garantías de formación, de novos titulados universitarios e de FP ás empresas ou a outras entidades de soporte, para realizar traballos que melloren as capacidades do tecido empresarial. Deste xeito foméntase a especialización tecnolóxica do tecido industrial galego tamén dende a base e a preparación de novos profesionais.
A convocatoria para adscribirse ao programa Profesionais 4.0 está aberta ata o 7 de outubro, unha iniciativa pola que as compañías, asociacións, fundacións, clústeres e organizacións empresariais interesadas poden acceder a axudas para a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.
Os titulados interesados neste programa deben darse de alta, previamente á resolución da convocatoria a finais de 2019, na base de candidatos do Igape, a través da cal as empresas e asociacións empresariais que participen en Profesionais 4.0 atoparán os candidatos axeitados.