Só cinco personas solicitaron a renda social municipal
Por Alejandro Espiño
A pesar de que os cálculos iniciais facían pensar que unhas 75 persoas poderían ser beneficiarias da renda social municipal, tan só cinco pontevedreses solicitaron cobrar esta axuda dirixida a persoas en risco de exclusión social.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que a Xunta de Goberno aprobou este luns a convocatoria destas axudas que, para 2019, contan cunha partida de 425.000 euros.
A axuda calcúlase en función dos ingresos de cada domicilio. A normativa establece que os beneficiarios cobran un mínimo de 403,38 euros, unha cantidade que en función dunha serie de requisitos, entre eles se teñen menores ou dependentes ao seu cargo, irá en aumento ata un tope de 537,84 euros ao mes.
Os beneficiarios son persoas cuxos recursos económicos resulten insuficientes para facer fronte a gastos específicos de carácter ordinario, co fin de previr, evitar ou paliar situacións de marxinación social. Esta axuda poderase cobrar durante seis meses, prorrogables a un máximo dun ano.
A renda social municipal é ademais incompatible con outras axudas sociais como a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) que xestiona o goberno autonómico ou con pensións non contributivas e prestacións similares.
O escaso número de solicitudes recibidas fará que o Concello, segundo avanzou Anabel Gulías, valore se esta medida debe continuar en próximos exercicios.
"Fixemos unha ordenanza para seguir con ela, pero veremos o que pasa este ano. Non hai un número crítico que nos faga pensar en ampliar o orzamento do ano que vén", asegurou a portavoz municipal.
SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA
Ademais, a Xunta de Goberno adxudicou á empresa Iberdrola Clientes o contrato para a subministración eléctrica en todas as dependencias municipais, incluído o Pazo da Cultura. A compañía recibirá 1.544.126,50 euros anuais e comprométese a que o 100% desta electricidade será xerada por enerxías renovables.
Relacionadas:
-
Os primeiros beneficiarios da renda social municipal serán antigos menores extranxeiros non acompañados
Por Natalia Puga |
-
Estiman que haberá uns 75 beneficiarios da renda social que aprobou Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A renda social municipal poderá cobrarse como máximo durante un ano
Por Alejandro Espiño |