A Garda Civil e a Brilat conmemoran o mércores en Ponte Caldelas o 210 aniversario da batalla contra os franceses
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra e a Brigada Galicia VII Brilat realizarán este mércores en Ponte Caldelas os actos que tiveron que aprazar o pasado mes de xuño con motivo da celebración do 210 aniversario da batalla contra os franceses librada ás beiras do río Verdugo. A cita adiouse por cuestións meteorolóxicas e finalmente celebrarase este mércores 25 de setembro.
En concreto, realizarán unha exhibición de como reaccionar ante un ataque terrorista na contorna da praza de España e a Alameda, unha exposición de medios da Brilat e da Garda Civil na Alameda e un concerto da Banda de Guerra da Brilat.
O alcalde, Andrés Díaz, coordinou a preparación dos actos co brigada Antonio González e o suboficial maior Alberto Collazo, da Brilat, e co comandante José Corral, da Garda Civil.
A Brilat estará en Ponte Caldelas o mércores 25 e tamén o xoves 26 de setembro. O mércores farán unha marcha duns 25 quilómetros polas beiras do Verdugo, polos mesmos escenarios nos que se produciu a batalla contra as tropas do xeneral Ney o 8 de xuño de 1809. Xa pola tarde, participará na exhibición.
O acto público comezará ás 17.30 horas. Un pelotón de protección equipado desprazarase pola rúa da Ponte ata a praza de España, onde se simulará un ataque terrorista cun suposto suicida. A ameaza será controlada polo pelotón e un equipo de recoñecemento, equipado con traxes de protección Radiolóxica, Nuclear, Biolóxica e Química (NBQ).
O escenario recreado inclúe unha baixa no pelotón e a súa evacuación cunha ambulancia especializada. A participación da Garda Civil será establecendo un control de estradas diante dun incidente destas características e simulando unha persecución en coche.
O simulacro está pensado para ser presenciado polo público dende as zonas que se acouten debidamente e a exposición será aberta a todos os asistenets.
A Brilat despregará un vehículo de combate de defensa contra carro, Vamtac Tow, dúas motocicletas da Policía Militar, un vehículo todoterreno cunha estación de Transmisiones Mercurio, un vehículo de combate VAMTAC ST5, unha ambulancia con soporte vital básico, material de defensa nuclear, bateorológica e química, armamento lixeiro (fusiles, ametralladoras…), equipamento individual do soldado e visores nocturnos.
A Garda Civil exporá unha furgoneta de atestados e dúas motocicletas, un vehículo con dous cans de detención de drogas e explosivos e efectivos e medio da USECIC (unidade de seguridade cidadá de Comandancia), os TEDAX (unidade de desactivación de explosivos) e os GRS (grupo de reserva e seguridade, unidade de antidisturbios e control de masas).
Relacionadas:
-
O alcalde de Ponte Caldelas recibe o Premio Caballero Azor de mans do xeneral xefe da Brilat
Por Redacción |
-
Exhibición da Brilat e da Garda Civil en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Aprazada a exhibición da Brilat e a Garda Civil en Ponte Caldelas polo mal tempo
Por Redacción |
-
A Brilat e a Garda Civil ensaiarán un ataque terrorista con bomba química en Ponte Caldelas
Por Redacción |