Portonovo renova o seu idilio coa 'empanada mariñeira'
Por Redacción
A lonxa de Portonovo acollerá os próximos días 27 e 28 de setembro a segunda edición da Festa da Empanada Mariñeira, unha proposta gastronómica que busca poñer en valor os recursos das rías galegas e, en particular, dos que se poden achar na vila.
A festa está organizada pola Confraría de Pescadores San Roque e o Club Piragüismo Portonovo e ofrecerá empanadas elaboradas con produtos da marca PescadeRías, o selo de calidade que certifica que o peixe e o marisco proceden das nosas rías.
Así, os asistentes poderán degustar empanada de xoubas, cabala, raia, congro ou xurelo de Portonovo, de berberechos de Noia, de ameixas de Lourizán, de polbo de Bueu, de navalla da ría de Pontevedra, de choco de Redondela, de volandeiras de Cambados, de percebes de Ons, de anguía de Arcade, de algas de Cangas ou de mexillón de Galicia.
As carpas de degustación abriranse á unha da tarde o sábado 27 e desde unha hora antes, as doce do mediodía, o domingo 28. En ambos os casos, a xornada prolongarase ata a noite.
A Festa da Empanada Mariñeira incluirá ademais unha ampla programación de actividades paralelas coas que se busca promocionar os produtos das rías galegas.
Haberá, entre outros eventos, unha exposición de fotografía, un concurso de empanadas, talleres infantís, exhibicións de cociña e maridaxes ou diversas actuacións musicais.