850 quilómetros en bicicleta para visibilizar as enfermidades inflamatorias intestinais
Por Redacción
Sensibilizar á sociedade sobre a importancia de cubrir as necesidades do colectivo que padece enfermidades intestinais, ese é o motivo polo cal, Víctor Loira, volve subirse á bicicleta coa que percorrerá 850 quilómetros.
Despois de dar a volta a Galicia en bicicleta e en patinete o pasado verán para loitar pola visibilización das enfermidades inflamatorias intestinais, Loira volve pedalear para viaxar desde Marín ata Guadalaxara cos mesmos obxectivos: conseguir sensibilizar á sociedade sobre a importancia de cubrir as necesidades deste colectivo, como son os asesos adaptados (actualmente en Galicia hai máis de 30) ou a dispoñibilidade de enfermeiros e enfermeiras estomaterapeutas nos centros sanitarios.
É por iso, que este martes, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e outros representantes do Concello, recibiron ao ciclista, Ángela Paz e Tita García, membros da directiva da Asociación Sociosanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados de Pontevedra (Asseii) que explicaron que a finalidade do roteiro "é sensibilizar ás administracións públicas e á sociedade en xeral da dificultades que temos como colectivo".
A saída será desde a Alameda Rosalía de Castro o venres, 27 de setembro, ás 19.00 horas, para despois facer unha nova saída ás 20.00 horas desde Pontevedra. Serán oito días de traxecto con paradas nas áreas sanitarias de Pontevedra, Ourense, Palencia, Valladolid e Segovia, nas que Víctor deixará un escrito para trasladar as necesidades que teñen aquelas persoas que padecen unha EII. O roteiro terminará o 3 de outubro, Día Mundial do Ostomizado, en Guadalajara.
"Despois dunhas reunións en Madrid, coñecemos a dúas persoas, unha das cales está a pasar por un cancro e está nun mal momento, e foi quen me retou a chegar ata Guadalaxara", explicou Víctor. É por iso, que ademais deste motivo súmase a necesidade da creación dunha federación estatal para pacientes ostomizados con sede na cidade castelá "coa que podamos ir a Europa".
Durante o traxecto contará coa compañía de dous mozos que tamén teñen unha ostomía e no traxecto de Segovia a Guadalaxara cun triatleta paraolímpio do que aínda non queren revelar o nome.
Desde o Concello destacouse o exemplo de Víctor que "nos ensina que ter unha enfermidade así non che impide facer unha vida normal", reflexionou a rexedora durante a rolda de prensa, que aproveitou para avanzar que o Concello está a organizar a proxección do documental que Asseii gravou durante a volta a Galicia de Víctor e presentouse a semana pasada no Teatro Provincial de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Víctor Loira encara unha nova "tolemia" para dar visibilidade ás enfermidades intestinais
Por Manu Otero |
-
Apoio municipal para visibilizar a situación dos pacientes ostomizados
Por Oskar Viéitez |
-
O Pazo da Cultura acolle o sábado a quinta Xornada de Ostomías
Por Redacción |
-
O documental sobre a volta a Galicia polas enfermidades inflamatorias intestinais estréase no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Aposta por facer visibles as enfermidades inflamatorias intestinais
Por Redacción |
-
As enfermidades inflamatorias intestinais reúnen no Pazo da Cultura a profesionais, pacientes e autoridades sanitarias
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara con Víctor Loira: Un reto polas EII e agora pola ELA
Por Marisa Ciordia |
-
Víctor Loira chega a Pontevedra na súa volta a Galicia polas doenzas intestinais
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
VÍDEO.- 1.320 quilómetros de ilusión e esforzo para visibilizar as enfermidades intestinais
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
En bicicleta e patinete por toda Galicia para visibilizar as enfermidades inflamatorias e intestinais
Por Redacción |