As asociacións de mulleres do rural recibirán cursos de formación en cuestión de xénero
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartin, reuniuse este martes coas asociacións de mulleres vinculadas ao rural e ás casas de cultura O Abeiro, Ao-Amal, Santa María do Campo, Amas de Casa, Cantodarea, Santo Tomé de Piñeiro e Intercambio do Saber con motivo da realización de programas de formación que se van a realizar os próximos meses.
As clases centraranse en cuestións relativas á igualdade a través de cinco cursos de biodanza, musicoterapia, habilidades persoais, autodefensa e un módulo de formación en Igualdade e Violencia de Xénero.
A representante do Concello informou que as clases se impartirán todos os martes de 17:00 a 20:00 horas na Finca de Briz a partir do mes de outubro. Para inscribirse será necesario pasar polas asociacións, que serán as encargadas de xestionar a lista de participantes.
Así mesmo, tamén teñen pensado que se fagan sesións das diversas casas de cultura das parroquias marinenses "co obxectivo de achegar toda esta formación ás mulleres do rural".
PROGRAMA FEMP
O próximo 4 de outubro, inaugurarase o primeiro Ciclo de Conferencias de Marín na Biblioteca. A impartirá o psicólogo Javier Urra e está enmarcado dentro do Plan de Liderado e Empoderamento feminino.
Dentro do plan, inclúese unha teleformación en cuestións de xénero, consistente nun módulo de 30 horas para o que hai dispoñibles 50 prazas. A incripción farase no CIM de Marín.
Así mesmo a responsable da Caravana Morada que se instalará con motivo das festas de San Migheleiro, Mónica Novas, explicou ás asociacións alí presentes que todo aquel que queira participar no voluntariado, terá que recibir unha formación en cuestións de xénero que se impartirá este xoves, de 17:00 a 21:00 horas en Briz. Para inscribirse, poderá facelo calquera con máis de 16 anos enviando un correo a caravamorada@gmail.com.