A vendima entra na súa recta final
Por Oskar Viéitez
Nas adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas xa entraron uns 29,5 millóns de quilos de uva. Os máis de 5.200 viticultores desta Denominación entran na recta final da vendima coa previsión de alcanzar os 31 millóns de quilos.
Trátase dunha cantidade algo menor da estimación inicial que era de 36,6 millóns de quilos. Lembremos que o ano pasado colleitáronse 38,6 millóns. Esta baixada está fundamentada, entre outros factores, no menor tamaño do acio.
Despois desta fin de semana nas parras só quedarán as uvas destinadas á elaboración de viños especiais ou envellecidos.
Estes datos foron falicitados polo presidente do Consello Regulador de Rías Baixas, Juan Gil de Araújo, que recoñeceu que o rendemento por hectárea "non é o do pasado ano, xa que nos quedamos nuns 7.500 quilogramos" aínda que se consola porque "a calidade da uva apunta a que o viño vai resultar espectacular, pois conta cuns parámetros excelentes".
O conselleiro de Medio Rural, José González, tamén celebrou "a excelente calidade que terá o viño desta colleita a pesar de ser, en cantidade, algo menor que a etapa anterior".
No transcurso dunha visita a unha adega de Vilanova de Arousa, o conselleiro apelou á importancia de aproveitar as sinerxias entre o turismo e o mundo do viño para contribuír ao desenvolvemento das áreas rurais de Galicia.