Eduardo Pondal e Otero Pedrayo terán 'lombos' en toda a rúa
Por Alejandro Espiño
Dúas das principais vías de entrada na cidade, as rúas Eduardo Pondal e Otero Pedrayo, contarán con redutores de velocidade, os coñecidos como 'lombos', en todos os seus pasos de peóns. Así o anunciou este mércores o Concello, que traballa para que esta medida poida estar executada antes de que termine este ano.
Eduardo Pondal, lembran desde o goberno municipal, é unha das rúas da cidade onde se producen máis accidentes ou atropelos porque "non ten o tráfico calmado" e entenden que é unha cuestión que "non podemos permitir".
Desta maneira, construiranse 'lombos' en todos os pasos de peóns que hai desde a rotonda de Uxío Novoneyra ata a estación de tren e, xa en Otero Pedrayo -onde tamén se construirán beirarrúas enfronte do albergue de peregrinos-, colocaranse polo menos dous, un neste punto e outro na desembocadura da senda dos Gafos.
Esta actuación forma parte dun plan de obras no que traballa o goberno municipal e que supoñerá, segundo o edil Demetrio Gómez, resolver a "dificultade" que existe actualmente para manter circuítos peonís entre Ponte Boleira e Doce de novembro.
Serán obras de reforma urbana que permitirán resolver "problemas moi concretos" que responden tanto a peticións dos veciños deste ámbito urbano como aos estudos que realizaron os técnicos municipais nos últimos meses.
Así, en Ponte Boleira e a rúa Pedro Sarmiento de Gamboa "non hai por onde cruzar", apuntou o responsable de Obras, polo que se mellorarán os itinerarios peonís e ampliaranse as beirarrúas. Ademais, na Rúa da Cortidoira estudarase poñer plataforma única para dar un mellor servizo aos usuarios da residencia e o centro de alzhéimer.
Entre O Gorgullón e Eduardo Pondal, mentres tanto, rehabilitaranse de maneira integral a travesía de Eduardo Pondal e a Rúa da Moa. En ambos os casos as beirarrúas son moi estreitas e priorizarase o tránsito peonil. As dúas rúas quedarán de saída cara Eduardo Pondal e os coches deberán obrigatoriamente virar en dirección a Vigo.
A cuarta actuación terá como escenario a nova pasarela sobre a vía ferroviaria en Doce de novembro. A falta de pecharse o proxecto, este espazo terá un tratamento de "zona de estancia", onde se potenciarán as zonas verdes e o mobiliario urbano. Crearase ademais unha beirarrúa que permita transitar con continuidade entre a Rúa das Hortas e a Rúa da Estrada.
Relacionadas:
-
Instalan seis lombos en Eduardo Pondal e Otero Pedrayo
Por Redacción |
-
Arranca o Plan de barrios en Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
A Rúa do Muíño comeza a transformarse nun espazo peonil
Por Redacción |
-
Unha muller en cadeira de rodas resulta ferida nun atropelo en Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Dous novos lombos para Eduardo Pondal e redutores de velocidade para a avenida de Vigo
Por Redacción |