As obras do 'skatepark' de Baltar comezarán a próxima semana
Por Redacción
A partir da próxima semana, segundo avanzou este mércores o Concello de Sanxenxo, comezarán as obras de construción da pista de 'skatepark' de Portonovo, que estará situada entre a piscina e o campo de fútbol de Baltar.
A empresa adxudicataria desta actuación, Ingeniería y Construcciones Piñeiro S.L., instalará un valado perimetral nos próximos días para delimitar a zona de traballo.
O 'skatepark' supoñerá un investimento municipal de 163.223 euros e ocupará unha parcela de 1.839 metros cadrados. As obras teñen un prazo de execución de cinco meses.
O proxecto contempla a construción dunha instalación deportiva para o uso de deportes de esvaramento sobre rodas e parkour, creando diferentes niveis e ramplas para a práctica destes deportes urbanos.
O parque dividirase en tres zonas, destinadas dúas delas principalmente á modalidade de skate e unha terceira zona destinada a parkour.
En lugar de sectorizar de forma ríxida este parque, o proxecto opta por unha distribución que permite mesturar e combinar ambas as modalidades, compartindo espazos e permitindo a circulación entre elas dun modo fluído e seguro.
No punto de encontro de ambas as zonas resérvase un espazo de descanso equipado cunha serie de bancos e vexetación, tratando de facer a zona o máis agradable posible.
Así, executarase a prolongación da beirarrúa bordeando a parcela, cun recheo granular de saburras artificiais e sobre esta instalarase unha soleira de formigón en masa. Sobre a soleira, pola súa banda, colocarase lastra de formigón similar ao da beirarrúa.
A estrutura da construción estará conformada por muros de bloque de formigón armado e recheos de saburra artificial. As superficies de rodadura proxéctanse en formigón puído rematado, segundo as necesidades de uso, por perfís metálicos.