A Escola de Igualdade María Vinyals analizará en outubro a mercantilización do corpo das mulleres
Por Natalia Puga
A Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra celebrará o próximo 9 de outubro no castelo de Soutomaior unhas xornadas nas que especialistas como Rosa Cobo, Ángeles Álvarez, Silvia Pérez e Towanda Rebels analizarán as distintas formas de mercantilización do corpo das mulleres, desde a pornografía á prostitución ou os ventres de alugueiro.
A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, e a delegada de Igualdade da institución, Isaura Abelairas, presentaron este mércores a xornada, que leva por título 'Mercantilización do corpo das mulleres' e que, en opinión da dirixente provincial, nestes momentos é "máis importante que nunca" e resulta "de urxente actualidade".
A Deputación acaba de abrir o prazo de inscrición para participar na actividade, que está pensada de xeito especial para persoas que traballan no ámbito da educación e a administración pública, aberta á sociedade en xeral. Carmela Silva tamén anima a participar de xeito especial aos profesionais dos medios de comunicación e da xudicatura.
Rosa Cobo, profesora de Socioloxía de Xénero, directora de Atlánticas e directora académica do Máster Online sobre Igualdade e Equidade no desenvolvemento, falará sobre 'A pornografía e prostitución como violencia contra as mulleres' e a activista feminista Ángeles Álvarez, experta en violencia de xénero e portavoz da Red Estatal Contra el Alquiler de Vientres, centrarase na 'Mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres'.
A doutora en socioloxía e investigadora social especializada en Violencia de Xénero Silvia Pérez vai impartir a conferencia 'Desvelando a realidade da acción contra a trata' e Teresa Lozano e Zúa Mendez, as Towanda Rebels, que dirixen unha plataforma de comunicación e expresión feminista en loita contra o patriarcado, tratarán 'O porno e a violencia sexual'.
A dirixente socialista insistiu na "urxente actualidade" destas xornadas polos datos "escalofriantes" e porque estamos nun momento no que as mulleres están a "sufrir tantos ataques" pola aparición de partidos políticos e "os seus cómplices" que queren negar a necesidade urxente de tomar medidas políticas a prol da igualdade
En relación con eses datos "escalofriantes", Carmela Silva lembrou algúns dos que se deron a coñecer este luns con motivo do Día Internacional en Contra da Explotación Sexual e a Trata, segundo os cales a provincia de Pontevedra é a que maior prostitución concentra en Galicia e en España diversos estudios falan de que entre 35.000 e 55.000 mulleres están a ser prostituídas, aínda que de maneira non oficial se calcula que son sobre 100.000.
Segundo datos das Nacións Unidas facilitados por Carmela Silva, España é o país europeo no que máis prostitución se consume e o terceiro a nivel mundial e o 15% dos varóns españois manteñen sexo de pago. O perfil dos consumidores de prostitución son mozos novos cunhas demandas cada vez máis violentas e denigrantes e o perfil das explotadas é de mulleres estranxeiras, menores de 25 anos e procedentes de países empobrecidos.
Tras facer repaso por todas estas cifras, Carmela Silva considera que non se pode "mirar cara outro lado", pois supón atentar contra os dereitos humanos máis básicos. Dende a Deputación de Pontevedra xa anunciou que non van gardar silencio porque "o silencio é cómplice da prostitución, da trata e de todo o que ten que ver coa mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres".