Bueu contará cunha auditoría para analizar o impacto de CO2 na vila
Por Redacción
Con motivo da celebración da semana global de acción polo clima, o Concello de Bueu anunciou que se elaborará unha auditoría para analizar como afectan as emisións de CO2 na vila.
O alcalde Félix Juncal indicou que leva anos impulsando desde o Concello accións para reducir o consumo de enerxía e de emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera. Neste sentido sinalou que en 2018, o Concello de Bueu sumouse ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía (PACE) e trabállase na elaboración desa auditoría na que se estudarán iniciativas que contribúan á mellora da eficiencia enerxética e ao uso de fontes de enerxía renovables.
Coa intención de buscar asesoramento, a concelleira de Medio Ambiente, Tamara Sotelo, participará o 22 de outubro nunha xornada informativa que se desenvolve en Marín.
Desde o goberno local indícase que durante os últimos anos está a renovarse a iluminación público, substituíndo as luminarias tradicionais por outras tipo LED, que reducen o consumo de enerxía, en zonas como Agrelo, en Pazos Fontenla, a avenida de Marín ou na Recta do Peón en Beluso. Proximamente acometeranse estas melloras en Cabalo e na Ramorta - Carrasqueira cun cambio de 214 puntos de luz.
Ademais instalouse unha caldeira de pellets e paneis solares no pavillón Pablo Herbello, que permitirán un aforro de preto do 70%, ademais da substitución das luminarias da pista deportiva.