Moraña dá inicio á segunda fase do saneamento das Cerdeiras
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de iniciar as obras de construción da segunda fase do proxecto de dotación de saneamento ao lugar das Cerdeiras, na parroquia de San Lourenzo, que consiste na instalación de tubaxes e pozos de rexistro que permitirán que haxa acometida aos domicilios e que se dea servizo ás quince vivendas.
A actuación ten un prazo de execución de dous meses e un orzamento de 45.717 euros.
Inclúe a escavación de gabias para as tubaxes de saneamento, a instalación de canalizacións de PVC de 315 e 250 milímetros para a rede xeral e o treito de bombeo, respectivamente, e a colocación de once pozos de rexistro en formigón que permitirán a conexión coa rede existente.
O goberno municipal xa actuou inicialmente na zona coa construción dunha depuradora que dá servizo a un cento de persoas, e a súa trama de canalizacións, que se impulsou conxuntamente con Campo Lameiro para dotar deste servizo ás Cerdeiras e ao veciño lugar de Rozas.
Esta infraestrutura tivo un custo de 112.000 euros e foi cofinanciada principalmente pola Xunta de Galicia ao tratarse dun proxecto de cooperación interterritorial.
A depuradora e o resto da rede xa construídos "son de primeiro nivel e darán un moi bo servizo á veciñanza", segundo destacou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.
Relacionadas:
-
Moraña destina 40.000 euros a construír unha estación de bombeo en As Teixugueiras
Por Redacción |
-
Moraña renova de xeito integral a rede de pistas das Cerdeiras
Por Redacción |
-
O goberno local de Moraña quere afrontar 18 obras no primeiro semestre deste ano
Por Redacción |
-
Moraña e Campo Lameiro cooperan na construción do saneamento
Por Redacción |