As 'Xornadas de igualdade' en Bueu darán claves para afrontar a violencia machista no campo profesional
Por Redacción
Bueu acolle as 'Xornadas de igualdade' coa intención de formar e educar para facer fronte á violencia machista.
Este xoves, a concelleira de Igualdade Ana Isabel Otero e a directora do Centro de Información ás Mujeres, Montserrat González explicaban os diferentes actos que se van desenvolver ao longo das próximas semanas neste marco que ten a intención de ofrecer claves para saber como abordar casos de violencia machista desde as diferentes profesións que se poden ver implicadas.
O luns 30 de setembro comezarán as sesións con 'Violencia de xénero. Tipos penais. Medidas de protección e valoración de risco', unha charla dirixida a forzas e corpos de seguridade, ademais da axentes que traballan en VIOGEN. A exposición realizarase na sala de reunións do CIM a cargo de Paz Filgueira, actualmente maxistrada do Xulgado número 7 de Vigo e titular durante sete anos do xulgado de violencia contra as mulleres na cidade olívica.
O 11 de outubro, a charla irá destinada ao persoal docente dos centros educativos do municipio. Será impartida polo profesor de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge García Marín. Centrarase na coeducación e na prevención.
Xa o 22 de outubro, a conferencia vai centrarse no persoal sanitario. Será no Centro de Saúde de Bueu, coa intervención da doutora Roanana Izquierdo, pertencente ao grupo de traballo de violencia de xénero do SERGAS.
Por outra banda, o CIM de Bueu está a traballar na elaboración dun Protocolo de actuación para supostos casos de violencia de xénero nos centros educativos e na organización de talleres sobre ciberacoso e seguridade nas redes.
Con motivo do 25N, desde o Concello está a traballarse na programación de diversas actividades, como a estrea do documental 'Agullas', un traballo que recolle historias persoais de mulleres vítimas da violencia machista, que inclúe tamén a visión de diversos profesionais.