Cerdedo, Tenorio e Carballedo ofrece pilates, ximnasia, muay thai ou taekwondo aos seus veciños
Por Redacción
O plan de actividades deportivas do Concello de Cerdedo-Cotobade xa comezaron nas localidades de Cerdedo, Tenorio e Carballedo co obxectivo de descentralizar este programa e achegalo cada vez máis aos veciños.
Entre as modalidades ofertadas están as de pilates, ximnasia de mantemento, Muay Thai e taekwondo e xa están abertas para que poida participar toda a veciñanza do municipio. A pesar de estar iniciadas, aínda se mantén aberta a inscrición para que as persoas interesadas poidan incorporarse.
En Carballedo van desenvolver as clases de pilates os mércores e venres ás 20:00 horas; as de Muay Thai, serán os mércores e venres ás 21:00 horas por 20 euros mensuais, igual que a de pilates; e as de taekwondo serán os martes a partir das 16:30 horas no pavillón e está orientada aos nenos e nenas nacidos entre o 2005 e 2015. Esta última pertence á oferta deportiva transferida pola Deputación de Pontevedra.
En canto a Cerdedo, haberá ximnasia de mantemento os martes e xoves ás 18:00 horas por un prezo de 10 euros mensuais; pilates os martes e xoves ás 20:00 horas cunha cota de 20 euros; e Muay Thai os xoves ás 21:00 horas cunha taxa reducida, de 15 euros, para os que haberá unha única sesión semanal.
Por último, en Tenorio impartiranse as clases de pilates os luns ás 20:00 e os venres ás 19:00 horas.
As actividades realizaranse nunha ou dúas horas semanais de práctica e a matrícula poderá formalizarse nas oficinas municipais de Carballedo e Cerdedo ou a través dos teléfonos 98675306, 986760001 ou 679612484.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mostrou a súa satisfacción polo crecemento das actividades que están a realizar cada ano "co obxectivo de achegar a oferta deportiva a todos os veciños" e con iso, contribuír a "crear e fomentar hábitos saudables entre a poboación".