Cuntis pide adherirse ao Plan de Transporte Metropolitano das áreas de Santiago e Pontevedra
Por Redacción
Unirse ás áreas de Santiago de Compostela e Pontevedra. É a petición que vén de facer o Concello de Cuntis á Xunta de Galicia. O goberno municipal quere que o municipio sexa incluído no Plan de Transporte Metropolitano que se está a tramitar para ambas zonas.
Esta solicitude, que foi aprobada nunha xuntanza celebrada este venres, foi xa enviada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e á Dirección Xeral de Mobilidade.
O goberno municipal encabezado por Manuel Campos entende que esta adhesión permitiría mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos veciños e veciñas da vila.
A presenza de Cuntis nas liñas de transporte por estrada nestas dúas áreas metropolitanas facilitaría que os cidadáns dispoñan dun mellor servizo de transporte público colectivo como alternativa competitiva e eficiente ao transporte privado.
O Concello de Cuntis, ademais, tamén trasladou á Dirección Xeral de Mobilidade a necesidade de planificar melloras na rede de transporte público entre Cuntis e os municipios veciños de A Estrada e Caldas de Reis.
Esta medida permitiría, segundo destaca o alcalde, que os alumnos de Cuntis que se trasladan aos institutos da Estrada e Caldas poidan dispor dun transporte público eficiente e de calidade.
A este respecto, o goberno local está a traballar durante estas semanas para atender as demandas dos pais e nais do municipio e mellorar este servizo de transporte, dado o importante número de alumnos que se desprazan aos institutos das dúas localidades.
Manuel Campos asegura que deste xeito as veciñas e veciños de Cuntis veríanse beneficiados duns prezos máis competitivos e mellores combinacións horarias.