Un preso intensa asfixiar a un funcionario do cárcere da Lama
Por Redacción
Os sindicatos denunciaron unha nova agresión aos funcionarios do cárcere pontevedrés da Lama pero, nesta ocasión, este incidente foi moi grave. Un preso tentou asfixiar a un dos traballadores da prisión ao que tirou ao chan e agarrouno do pescozo.
A agresión produciuse, segundo revelaron os sindicatos Acaip-UXT, CC.OO, CIG e CSIF, sobre as oito da tarde do venres. O interno, clasificado en primeiro grao (o máis restritivo), ameazou de morte aos funcionarios de servizo, e atrincheirouse na súa cela cos anacos dun espello como arma.
Cando estes abriron a cela para reducilo, o preso atacou a un dos funcionarios, ao que golpeou no costado. A continuación, abalanzouse sobre outro dos traballadores, agarrouno polo pescozo e mantívoo no chan tratando de provocar a súa asfixia.
O funcionario puido ser liberado grazas á actuación dos seus compañeiros. Presenta contusións e erosións no pescozo. O outro traballador, que foi golpeado no costado, tivo que ser trasladado ao Hospital Quirón, onde se lle diagnosticou unha fisura de costela.
Mentres se producía o incidente, o agresor foi acirrado por outros presos igualmente perigosos do mesmo departamento, que gritaban ameazas e golpeaban as portas das celas.
Estes feitos provocaron gran alarma entre o persoal de traballadores do penal pontevedrés. Todos os servizos acusan a falta de persoal, segundo os sindicatos, pero é nos módulos de réxime especial onde alertan que esta carencia vólvese máis dramática.
O módulo de illamento atópase actualmente masificado, denuncian. Onde é preceptivo que traballen cinco funcionarios, é habitual que sexa xestionado por só catro, a pesar de ter que con algúns dos presos máis perigosos de España.
Estes episodios violentos, que son cada vez máis frecuentes neste e noutros centros penais, "non fan máis que corroborar que a perentoria falta de persoal e o envellecemento do persoal repercuten de forma decisiva na seguridade no noso traballo", alertan as cinco centrais sindicais.
Relacionadas:
-
Un incendio provocado obriga a evacuar a enfermería do cárcere da Lama
Por Redacción |
-
Dous presos perigosos rebélanse nas súas celas da Lama e agriden os funcionarios que van reducilos
Por Natalia Puga |
-
Tres funcionarios da Lama, agredidos por un recluso violento no módulo de illamento
Por Redacción |