Os obradoiros tecnolóxicos e o Escape Music Room, actividades de máis éxito do Ponteverán
Por Redacción
Os cinco obradoiros de tecnoloxía, o Escape Music Room, a noite dos morcegos e o roteiro polo Gafos para avistar avelaíñas e outros insectos foron as actividades con máis demanda do programa Ponteverán 2019.
Impresión 3D, robótica, holografía, programación e creación de APPs foron os obradoiros tecnolóxicos que se ofreceron no programa. O número total de prazas para participar era de 50 e, aínda que finalmente foi ampliado a 60, houbo listas de agarda en moitos deles.
No caso do Escape Music Room, unha das novidades do programa desta edición, nun só día xa se cubriron as 36 prazas ofertadas, que correspondían a seis equipos de seis persoas, polo que se ampliaron ata acoller un total de 66 persoas (11 equipos).
Esta actividade do Local de Música está concibida como un xogo no que se participa por equipos e que pon a proba o enxeño e a habilidade para resolver pistas, enigmas, misterios e adiviñas ata conseguir 'escapar' da sala antes de que remate o tempo concedido para a proba.
A noite dos morcegos tamén encheu nun só día as 25 prazas ofertadas e finalmente admitíronse 27 participantes, e por quinto ano consecutivo, constátase que esta actividade segue a espertar un grande interese. Outras tantas persoas pasearon polo Gafos para ver avelaíñas e outros insectos nocturnos que se senten atraídos pola luz.
Entre as novidades desta edición tamén se ofertou un roteiro etnográfico e ambiental polo río Almofrei co obxecto de dar a coñecer o patrimonio natural e etnográfico da contorna da aldea do Salgueiral, e unha xornada de orientación deportiva que se desenvolveu na Illa das Esculturas e que estivo organizada polo Club de Montañeiros.
Tamén houbo tres aulas de natureza orientadas ao coñecemento sobre o bosque, o mar, o río e a historia da cidade; o campamento music-lab para compoñer creacións musicais desde aplicacións para o móbil; tres cursos de informática sobre as potencialidades de Google, presentacións off e on line e seguridade na rede e un curso de produción de eventos musicais.
Ponteverán foi posto en marcha pola concellaría de Xuventude para promover unha ampla variedade de actividades gratuítas de ocio e formativas, durante os meses de xullo e agosto e dirixidas a persoas comprendidas entre os 8 e os 35 anos. O total de prazas ofertadas no conxunto do programa ascendeu a 470.
Relacionadas:
-
Nin a choiva nin a pandemia frean as ganas de coñecer 'Pontevedra polos catro costados'
Por Redacción |
-
Aprendendo a compostar desde cativos
Por Redacción |
-
Actividades, obradoiros e ata un 'escape room' en Ponte Verán 2019
Por Diego Espiño |
-
O Local de Música adopta un enfoque máis profesional
Por Redacción |