Carme da Silva repetirá en novembro como candidata do BNG por Pontevedra
Por Redacción
Non haberá cambios na candidatura que o BNG presentará nas eleccións xerais que se celebrarán o próximo 10 de novembro. Polo menos na súa cabeza de lista. A edil pontevedresa Carme da Silva volverá a encabezar a proposta dos nacionalistas pola provincia.
Ana Pontón, voceira nacional do BNG, foi quen confirmou que Da Silva recuncará na lista pontevedresa co obxectivo de lograr, nesta segunda oportunidade, asento no Congreso dos Deputados, tras catro anos de ausencia en Madrid.
Queda por ver se o resto da candidatura por Pontevedra, na que entre outros estaban o debuxante Kiko Dasilva e o ex edil Guillerme Vázquez, mantense tamén sen cambios.
Na presentación dos candidatos, Pontón mostrouse segura da volta ao Congreso co apoio dunha cidadanía que "aproveitará" a repetición electoral para "recuperar voz propia" no Estado.
"Témolo ao alcance da man, na punta dos dedos, porque estamos convencidas que a xente deste país tomou boa nota do pasotismo con Galicia, tomou boa nota da inutilidade das forzas estatais que xogaron co seu voto e vai apostar polo BNG para ter unha voz propia en Madrid que defende os seus intereses ante o Goberno do Estado", destacou a líder nacionalista.
Galicia, recordou Ana Pontón, está "desaparecida" da axenda do Estado porque "non está nos debates, non está nas negociacións, nos proxectos ou nas inversións" e recordou que "con subordinación ao Goberno de turno non se gana nada".
"Precisamos menos Madrid e máis Galicia se queremos conquistar un futuro mellor para este país", recalcou a voceira do BNG, tras facer un chamamento á mobilización.
Relacionadas:
-
A alianza entre BNG e Compromiso nótase na candidatura por Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Estudan suprimir o colexio electoral do Valle Inclán polos seus problemas de accesibilidade
Por Alejandro Espiño |
-
Más País, o novo partido de Íñigo Errejón, presentará lista por Pontevedra o 10-N
Por Alejandro Espiño |