ENCE activa a terceira convocatoria do seu plan social para Pontevedra
Por Redacción
Tres millóns de euros. É o orzamento que a empresa Ence reserva para a terceira convocatoria do plan social da compañía, que permitirá subvencionar proxectos de colectivos e asociacións dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro.
Despois da boa acollida que tivo o plan nas súas dúas primeiras edicións, nas que participaron un total de 812 proxectos, Ence confía no éxito desta nova convocatoria.
Poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas cuxos proxectos se desenvolvan na contorna da fábrica de Ence. Excepcionalmente, poderán apoiarse proxectos noutras zonas sempre que estean relacionados con actividades forestais e coidado ambiental.
Ata 900.000 euros serán para o apoio ao deporte de base, 600.000 euros para o impulso ao emprendemento e á innovación, 530.000 euros para a loita contra a exclusión social, 400.000 para a recuperación e coidado da contorna, 300.000 euros para axudas á educación e á cultura e 200.000 euros para axudas veciñais diversas.
Na terceira edición do plan social, as solicitudes de axuda presentaranse na páxina www.plansocialence.es, onde tamén se poderán consultar as bases desta convocatoria e toda a información das anteriores.
Ademais, a empresa ten habilitada unha conta de correo plansocialpontevedra@ence.es onde se pode realizar calquera consulta relacionada co plan.