Estudan suprimir o colexio electoral do Valle Inclán polos seus problemas de accesibilidade
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra solicitou á Xunta Electoral de Zona realizar un cambio nos colexios electorais da cidade. Afectaría, en concreto, ás mesas situadas no instituto Valle Inclán.
O Concello entende que os problemas de accesibilidade que rexistra este colexio, onde para acceder hai que atravesar varios tramos de escaleiras, dificulta o dereito ao voto dos cidadáns, polo que opta por suprimilo.
Na súa petición, que aínda non foi autorizada pola xunta electoral, suxiren que as mesas electorais do Valle Inclán pasen ao instituto Sánchez Cantón, onde a accesibilidade universal está garantida.
Ademais, a xunta electoral si deu o seu visto e prace a outros cambios propostos polo Concello e que afectan á parroquia de Lourizán.
Vanse eliminar os colexios electorais do CEIP da Carballeira e da confraría de pescadores de Praceres. As súas respectivas mesas pasarán a estar situadas no renovado centro social de Estribela, que habilitará as súas dúas plantas para acoller aos votantes.
Estes cambios estrearanse nas próximas eleccións xerais do 10 de novembro.
Relacionadas:
-
Carme da Silva repetirá en novembro como candidata do BNG por Pontevedra
Por Redacción |
-
Más País, o novo partido de Íñigo Errejón, presentará lista por Pontevedra o 10-N
Por Alejandro Espiño |
-
O anuncio da repetición electoral non colle por sorpresa aos políticos locais
Por Alejandro Espiño & Anxo Lourido |