O PP reclama á Deputación que poña fondos para comarcalizar o parque de bombeiros de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo provincial do PP e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, demandou a comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra reclamando á Deputación que poña os fondos necesarios para iso.
Jorge Cubela compareceu este luns en rolda de prensa xunto aos alcaldes da Lama, Jorge Canda, e Campo Lameiro, Carlos Costa; e os portavoces do PP nos concellos de Barro, Jose Antonio Landín; Ponte Caldelas, Antón Xil, e de Poio, Ángel Moldes. Non puido asistir pero forma parte desta reclamación o portavoz do PP en Vilaboa, Alberto Acuña.
Todos estes municipios están "afectados pola falta de cumprimento das isócronas en casos de emerxencias", asegurou o portavoz provincial do PP.
"Non esperamos máis resposta que unha solución inmediata. Se queren, poden resolvelo en 24 horas. A Xunta si quere, os concellos si queren, e os propios profesionais tamén. A única que falta por sentar á mesa é a Deputación de Pontevedra", acusou o portavoz do grupo provincial do PP.
Segundo lembrou Jorge Cubela á presidenta da Deputación de Pontevedra, "por se a Carmela Silva non llo dixo ninguén ou non se preocupou por sabelo" a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local atribúe como competencia ás deputacións en materia de emerxencias a extinción de incendios nos municipios de menos de 20.000 habitantes.
"Hai un clamor nos concellos de interior da comarca de Pontevedra para que se de unha solución inmediata á falta de servizo e incumprimento das isócronas" que marcan tempos máximos de 20 minutos para dar resposta ás emerxencias.
O portavoz popular destacou que "igual que hai diñeiro para gastar con convenios a dedo nalgúns concellos da provincia, ten que haber diñeiro para asumir a comarcalización" e insistiu en que Carmela Silva debe cumprir coas competencias que "son as que lle dá a lei, gústenlle ou non", engadiu.
O PP criticou a falta de "vontade política" por parte do "goberno bipartito da Deputación" sinalando que Xunta de Galicia alcanzou acordos para acometer a comarcalización dos parques das grandes cidades galegas coas deputacións da Coruña, Lugo ou Ourense.
Os populares apuntaron que nesta demanda "alcaldes e portavoces do BNG están de acordo, e mesmo tamén os alcaldes do PSOE están de acordo" polo que concluíron convidando a que "en lugar de utilizar as emerxencias para facer unha confrontación entre Xunta e Deputación, Carmela Silva reflexione e sente para facer algo no que todo o mundo está de acordo".
Relacionadas:
-
Os grupos parlamentarios demandan unha cobertura axeitada ás emerxencias nos municipios do interior
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva recrimina ao PP dous anos de mentiras sobre a comarcalización dos bombeiros
Por Natalia Puga |
-
O BNG pide un parque de bombeiros no interior da provincia para os concellos de sombra
Por Redacción |
-
O BNG propón a construción dun novo parque de bombeiros que dea solución aos concellos do interior
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas ofrece dúas parcelas na Reigosa para crear un parque de bombeiros
Por Redacción |
-
Carmela Silva pregúntase que pasou coas comarcalizacións dos Parques de Bombeiros que anunciaba a Xunta
Por Redacción |