Xornada de portas abertas en Cruz Vermella dedicada ás persoas maiores
Por Redacción
Cruz Vermella Pontevedra preparou para este martes 1 de outubro, Día Internacional das Persoas de Idade, unha xornada de portas abertas con diferentes actividades.
A organización convida as persoas maiores de 65 anos a participar nos obradoiros de memoria, laborterapia ou bailoteca que se realizarán de maneira gratuíta co obxectivo de que coñezan os proxectos e actividades que realiza dirixidos ás persoas de idade.
Estas actividades realizaranse en horario de mañá e tarde na súa sede.
Segundo explica Cruz Vermella a súa experiencia, a práctica cotiá e as investigacións anuais que realiza sobre a vulnerabilidade social das persoas permiten identificar que un dos principais retos que afrontan as persoas maiores son a soidade e o illamento social, algo que pretenden axudar a minimizar con estas actividades.
Durante o último ano, informa Cruz Vermella Española, atendeu en Pontevedra a 5.411 persoas maiores nos diferentes programas que ten en marcha, como son: Axuda domiciliaria complementaria, Rede social para persoas maiores (Enrédache), Promoción do envellecemento saudable, Bo trato, Atención a persoas con funcións cognitivas deterioradas, Atención a persoas en proceso de envellecemento e Localización de persoas con deterioración cognitiva. Por outra banda, Cruz Vermella atendeu a 3.061 persoas a través do seu servizo de Teleasistencia; e a 111 persoas entre os Centros de Día de Vigo e Pontevedra.