Intenta vender por 400 euros unha bicicleta de 3.500 euros roubada en Pontevedra
Por Redacción
A Policía Nacional logrou recuperar unha bicicleta valorada en 3.500 euros que fora roubada o pasado mes de xullo en Pontevedra. Foi localizada en Lugo, cando unha persoa trataba de vendela a través de internet por só 400 euros.
Segundo informou a comisaría da capital lucense, a investigación comezou cando a vítima do roubo denunciou a subtracción de dúas bicicletas que tiña no garaxe.
Despois de realizar un seguimento a través das redes sociais e das páxinas dedicadas á venda de obxectos de segunda man, logrou identificar unha das bicicletas nun anuncio colgado no portal Milanuncios.
A persoa que a poñía á venda pedía 400 euros por ela.
A Policía Nacional, a través da súa unidade de delincuencia especializada e violenta, localizou ao vendedor. Este asegurou que comprara a bicicleta nunha tenda, polo mesmo prezo polo que estaba disposto agora a desfacerse dela a través de Internet.