Aire cálido e húmido nesta primeira semana de outono nas Rías Baixas
Por Redacción
Este martes, Galicia manterase baixo a influencia dos ventos de compoñente oeste que seguirán traendo aire cálido e húmido. Segundo as previsións do servizo de Meteogalicia, durante a tarde persistirán as nubes en todo o litoral atlántico. As temperaturas descenderán entre lixeira e moderadamente situándose entre os 18 e os 20 graos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente oeste.
Durante o mércores, as Rías Baixas quedarán baixo a influencia das altas presións, que ofrecerán estabilidade. Formaranse nubes baixas e néboas durante a madrugada. Ao longo da tarde abriranse grandes claros en xeral, desta forma os ceos permanecerán con nubes de tipo alto pero permitirán a presenza do sol.
As temperaturas mínimas descenderán, mentres que as máximas non experimentarán cambios significativos, establecéndose entre os 14 e os 20 graos. Os ventos soprarán frouxos variables pola mañá e de compoñente oeste pola tarde.
Xa o xoves, a situación meteorolóxica verase marcada por unha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Unha fronte pouca activa achegarase desde o noroeste nas horas centrais do día. O ceo presentará moitas nubes na metade oeste de Galicia, con posibilidade de choivas débiles a partir do mediodía. As temperaturas permanecerán entre os 14 e os 20 graos. Os ventos soprarán de compoñente sur, moderados no litoral e máis frouxos no interior.
Galicia quedará baixo a influencia das altas presións durante o venres 4 de outubro. Os ventos soprarán frouxos de compoñente oeste e as temperaturas ascenderán lixeiramente nas mínimas situándose entre os 16 e os 20 graos. O día iniciarase con nubes baixas e néboas que irán desaparecendo para deixar ceos pouco nubrados ou despexados.
Os ventos do sur manteranse durante a fin de semana, con presenza de masas de aire cálidas e húmidas. A probabilidade de choivas será baixa e as temperaturas continuarán suaves, entre os 15 e os 22 graos.