Máis alumnado no novo curso da Escola de Cantería
Por Redacción
A Escola de Cantería de Poio iniciou un novo curso académico cun incremento da matrícula, que permitiu pasar de 11 a 14 alumnos.
Entre eles está Lucía Beltrán, unha coruñesa de 23 anos que está a rematar o seu grao na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que quere complementar a súa formación dun xeito práctico e envorcado cara a escultura.
O alumnado non ten un perfil claro, pois vai dos 17 anos do alumno máis novo ata os 40 do maior. Case todos son galegos agás un mozo madrileño que, tras completar o Bacharelato, optou por vir a formarse á Escola de Cantería e un mexicano, que tamén elixiu este centro.
Este ano académico está marcado pola realización de obras na sede da Caeira, así como de traballo administrativo para a homologación dos estudos con dous certificados de profesionalidade por parte da Xunta de Galicia e para a futura creación, a máis longo prazo, de dous ciclos de Formación Profesional de canteiría e mestre canteiro.
A deputada delegada da Escola, Noemí Outeda, foi a encargada de dar a benvida ao alumnado, acompañada dos deputados Gregorio Agís e Ana Laura Iglesias, xunto coa directora do centro Conchita López.
A Deputación xa remitiu o pasado día 25 a solicitude para o inicio do procedemento de creación dos ciclos de FP diante do Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL). A partir de agora será este órgano estatal interadministrativo, no que tamén están representadas as comunidades autónomas e as organizacións sindicais e empresariais, o que asuma os trámites ata a modificación do Catálogo Nacional de Cualificacións, vía real decreto.
Nese momento, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación terá que asumir a transferencia da Escola, que pasará a converterse nun centro público de Formación Profesional regrada.
Relacionadas:
-
A Asociación Canteiros de Poio estuda denunciar á Deputación por competencia desleal
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación quere falar coa Xunta da transferencia da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Corporacion provincial pide unanimemente a homologación do título de cantería
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación quere que a Xunta asuma a metade dos gastos da Escola de Cantería de Poio
Por Natalia Puga |