Ponte Caldelas modificará o proxecto da estación termal para ter o visto bo de Augas de Galicia
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, mantivo este martes unha reunión coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e con técnicos desta entidade pública para falar do anteproxecto da estación termal que quere levar a cabo o goberno local.
Ata o momento este anteproxecto non saía adiante pola negativa de Augas de Galicia.
Andrés Díaz cualificou a reunión de "cordial". Segundo lle trasladaron, no anteproxecto presentado polo concello para a estación termal hai unha "esquiniña" que está catalogada como "zona de fluxo preferente", o que significa que non pode haber unha construción neste punto exacto.
Ante este problema, no que dende o goberno local "teñen as súas discrepancias de que así sexa" as opcións que deron dende Augas de Galicia foron dúas: unha facer un plan de inundabilidade para tentar corrixir isto, algo que segundo o rexedor "suporía un custo enorme" ou a segunda posibilidade: facer unha modificación do anteproxecto. Esta segunda opción é a que ven máis viable tanto dende o goberno local como os técnicos do concello.
Con esta solución sobre a mesa o Concello de Ponte Caldelas quedou emprazado a enviar previamente este anteproxecto para que dende Augas de Galicia dean a súa aprobación e partir de aí, engade Díaz "lamentablemente teremos que volver a iniciar a licitación e polo tanto levalo ao pleno co estudo de viabilidade e o anteproxecto xa acordado con Augas de Galicia".
O contido do anteproxecto será o mesmo, o que se terá que cambiar, tendo en conta esa zona de fluxo preferente, é a ubicación das construcións.
Andrés Díaz ten claro que a estación termal "converterase por fin nunha realidade", un proxecto que entende que será clave para o futuro turístico e económico de Ponte Caldelas, "unha estación que se converterá nun referente termal galego".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas aprobará este martes o anteproxecto da futura estación termal
Por Redacción |
-
Os cabalos, protagonistas da fin de semana en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Primeira xuntanza do novo goberno de Ponte Caldelas coa vista posta na estación termal e na atención ao rural
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción |
-
A futura estación termal de Ponte Caldelas terá tres piscinas, dúas delas ao aire libre
Por Redacción |