Veciños "indignados" de Portosanto sopesan mobilizarse ante a inseguridade que viven no barrio
Por Oskar Viéitez
Un grupo de veciños do barrio de Portosanto, na parroquia de San Salvador de Poio, aseguran estar "tremendamente indignados" e sopesan mobilizarse.
"Non descartamos pecharnos no concello, saír á rúa ou calquera outra acción pacífica e reivindicativa", advirten nun comunicado.
O motivo deste malestar é que a Xunta Local de Seguridade celebrada este martes no Concello de Poio non abordou a situación de inseguridade que aseguran están a sufrir no barrio.
Este colectivo solicitara "hai máis dun ano e medio" no rexistro da Subdelegación do Goberno que esta Xunta de Seguridade estudase "os roubos, atracos, altercados, trapicheos, incidentes, ameazas... que sufrimos os veciños deste lugar" por parte de "unha serie de persoas que se asentaron en Portosanto e que son moi problemáticas".
"Son persoas de etnia xitana que non teñen ningún interese en vivir en sociedade, entran en casas particulares e métense nas piscinas mentres beben cervexas e fuman porros, existe un trapicheo continuo, a altas horas da madrugada teñen a música alta... e daquela iso conleva a presenza de toxicómanos e delincuentes que acaban entrando en casas e roubando", afirma este colectivo veciñal nun comunicado remitido aos medios.
Estes veciños afirman que "a situación é insoportable" e trasladan a súa preocupación porque "nos estamos a converter nun barrio marxinal" reprochando ao alcalde de Poio, Luciano Sobral e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba que non consideren que este sexa un "tema prioritario de seguridade porque nin o trataron nin falan del".